6.3.12

Persoal de Seaga ocupa base inoperativa

view-source:http://www.galizacig.com/avantar/files/images/2012-03-05%20base%20helitransportada%20Silleda%202.grande.JPG
Faixa despregada polo persoal de Seaga na ocupación
da base helitransportada de Silleda, unha das paralisadas pola Xunta

Persoal de Seaga vén de ocupar, hai só unhas horas e con carácter indefinido a base helitransportada de Silleda. O seu obxectivo é denunciar a falsidade dos datos que a Xunta de Galiza está a dar sobre a cantidade de medios operativos no que xa é o inicio de ano con maior superficie queimada das últimas décadas. Nesta altura apenas están operativas tres das nove bases que deberían servir para dotar a precampaña de lumes forestais. Segundo Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, esta deixazón é só unha estratexia da Xunta para represaliar o persoal de Seaga, que nos últimos tempos gañou no Tribunal Supremo unha sentenza que ditamina a súa cesión ilegal a Seaga e a posibilidade de se reintegraren no Pladiga, isto é, no servizo público. Ademais, a loita contra os lumes estase a trasladar aos Grumir, tamén en pleno proceso de desmantelamento, e ás agrupacións de Protección Civil, nutridas por voluntarias e voluntarios que están a ser utilizados pola Xunta como man de obra barata e como reemplazo encuberto do que debería ser un sistema público e eficaz de xestión e resolución de emerxencias. Desde a Sección Sindical do 112, a nosa solidariedade absoluta cos compañeiros de Seaga nas súas protestas. O 112 está convosco!



29.2.12

Empresas contentas: "ahora sí que sí"

Unha compañía madrileña publicita os cursos lembrando que facilita e abarata o despido, permite a redución de salarios e impón a flexibilidade interna.

As compañías de asesoramento económico comezan xa a organizar seminarios informativos dirixidos a empresas que queiran sacar o máximo rendemento á última reforma laboral do PP. Na publicidade dos cursos lembran que coa nova normativa chega a "auténtica flexibilidade interna á empresa", despedir é moito máis sinxelo e barato e a redución de salarios “será por fin unha posibilidade real”. 

As asesorías económicas non agocharon a súa satisfacción nada máis coñecer o contido da nova reforma laboral impulsada polo Goberno español. Ao pouco de se faceren públicas as primeiras medidas, algunhas compañías comezaron a publicitar seminarios informativos para que as empresas poidan “sacarlle o máximo partido”. En concreto, unha compañía madrileña sostén nos seus folletos publicitarios que a nova normativa supón un “cambio radical no panorama radical que a súa empresa necesita saber aproveitar”. Entre as bondades da reforma citan o feito de que introduza “agora si que si” o despedimento máis barato e faga da redución de salarios “unha posibilidade real”. Tamén salienta que o novo contrato para empresas de menos de 50 traballadores/as contempla un período de proba dun ano e que os despidos obxectivos por causas económicas son máis fáciles de xustificar. Así mesmo, dánlle a benvida á “auténtica” flexibilidade interna na empresa e aconséllanlle aos empresarios que “aproveiten todas as novidades para que as súas compañías poidan adaptarse ás circunstancias”. Tamén aplauden a fin dos salarios de tramitación, o novo “despido exprés” e o feito de que para os despedimentos colectivos só sexa necesaria a autorización do empresario.

24.2.12

Non é unha reforma: é un atraco!





Esta nova reforma laboral, que é a enésima e que, ademais, non vai servir mais que para pisarnos os dereitos que os nosos pais e avós tiveron que conquistar para si e para nós, está a ser contestada con unha crecente participación. As CIG ven de elaborar un cumprido informe onde se analisa pormenorizadamente este novo (reforma) atraco laboral que dá mais poder ás empresas que despois o utilizan para despedir alegremente, para acosar traballadoras polo feito de seren nais, para facer o que lles pete cos horarios e cos salarios, etc. No próximo número do Liña Sindical publicaremos unha valoración das implicacións que no caso concreto do 112 ten esta reforma, e non só ela, senón tamén o convenio que só unha semana antes asinaban CC.OO. e UGT coa patronal e que entre outras cousas prevé a conxelación salarial para os próximos anos e perdas de varios miles de euros por ano para cada un e cada unha de nós. Faremos tamén, nos próximos días, unha asemblea informativa de todo isto e debateremos sobre o modo como debemos contestar coa nosa dignidade. Onte mesmo, milleiros de traballadoras e traballadores dos servizos públicos (aqueles que supostamente tiñan todo asegurado de por vida) manifestáronse nas sete cidades galegas contra os planos do PP para desfacerse dese tipo de servizos, para minorizalos e privatizalos, ou para simplesmente eliminalos. Esas persoas, que foron as tradicionalmente envexadas pola sociedade grazas á súa situación laboral estanse a dar conta de que, con este sistema neoliberal vivían nun espellismo. Non vivamos tamén nós no engano: no horizonte, entre outras actividades, están xa a grande manifestación convocada para o día 10 de marzo, coincidindo co Día da Clase Obreira Galega, e a xornada de Folga Xeral convocada pola CIG para o día 29 de marzo, e da que tamén falaremos. 

Análise da CIG sobre a reforma laboral: clic aquí para descargares (pdf)

16.2.12

Aberto prazo para solicitar as axudas por fillos e fillas menores de 3 anos

A Secretaría de Muller da CIG informa da publicación no DOG da orde pola que se establecen as bases para a concesión da prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos para este 2012. A Xunta volve excluír destas axudas ás persoas que o pasado ano presentaron a declaración da renda, aínda sen ter a obriga de facelo.
Poderán beneficiarse desta prestación aquelas persoas con fillos/as nacidos entre o 2 de xaneiro de 2009 e o 1 de xaneiro de 2012 e que, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2010, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración da renda correspondente a ese período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso. 

A prestación consistirá nun pagamento único de 360 euros por cada crianza menor de tres anos e o  prazo para entregar as solicitudes estará aberto até o vindeiro luns 26 de marzo.
 
Para consultar a orde publicada no DOG e descargar o formulario de solicitude, clic aquí

11.2.12

Unha reforma que nos agrede!


Xa está aquí unha reforma laboral que deciden un Madrid uns señores que non teñen que someterse cada día a traballos precarios e que teñen salarios vitalicios, pluses por comisións, sistemas privados de saúde e máis, moito máis.

Entre outras medidas, redúcese de 45 a 33 días por ano traballado a indemnización polo despedimento improcedente, afectando en parte, e por primeira vez, mesmo aos contratos subscritos con anterioridade á reforma. No caso de despedimentos por causas obxectivas (EREs) elimínase o control previo por parte da administración das causas alegadas polas empresas. Ábrese ademais a posibilidade de recorrer a ERES no ámbito do sector público. Baixo o eufemismo de “Impulso do contrato para a formación e aprendizaxe”, amplíase a idade máxima para ter acceso a este tipo de contrato até os 30 anos, cando menos até que a taxa de desemprego baixe do 15%. Permítese ademais que logo de ter este tipo de contrato nun sector de actividade, o traballador volva ter esta modalidade de contrato noutros sectores. Podes ser un eterno aprendiz até os 30 anos, pasando por diferentes sectores. Unha vez máis insístese en bonificar ás empresas con fondos públicos, coa desculpa de facilitar o emprego de carácter estábel fomentando mesma competitividade entre os propios traballadores, segundo teñan ou non prestación por desemprego. Legalízase a fraude que xa existe na actualidade de que haxa traballadores contratados a tempo parcial pero con xornadas superiores e a libre disposición da empresa. Na negociación colectiva dáselle prioridade absoluta aos convenios de empresa o que suporá dividir moito máis aos traballadores/as, rebaixar salarios e condicións laborais xeneralizando así o dumping social. Alén diso, facilítase que as empresas deixen de aplicar os salarios pactados en convenio colectivo (descolgue). Créase un novo tipo de contrato indefinido para empresas de até 50 traballadores/as, que terán un período de proba dun ano. Isto implica que o traballador pode ser despedido libre e gratuitamente, sen ningunha indemnización, durante todo este tempo. Isto vai fomentar a maiores, maior rotación no posto de traballo e o incremento da temporalidade. Hai unha desregulación absoluta das condicións de traballo dentro da empresa, tanto no relativo ás funcións que pode desempeñar o traballador, como na xornada, o horario ou o sistema de rendemento, dándolle prioridade absoluta ás necesidades da empresa sobre os dereitos dos traballadores. En fin: unha marabilla!

Ante este durísimo paquete de medidas, dos que estas son apenas un exemplo, Seixo asegura que, tal e como se demostrou coas reformas laborais anteriores, esta tampouco vai favorecer a creación de emprego. “O problema está no modelo económico e nas políticas que se fan”. Fronte a isto, aposta por atacar a crise a través doutras políticas fiscais que xeren ingresos ao estado, incrementar o investimento público para reactivar a economía e crear unha banca pública que garanta crédito e liquidez á pequena e mediana empresa. “O propio Banco de España, cando fala de que entramos de novo en recesión di que as causas fundamentais están na falta de crédito e na caída da demanda interna”, lembra o secretario xeral da CIG quen insite en que “a caída da demanda ten que ver é coa caída dos salarios. E esta reforma o que vai provocar é unha caída aínda maior dos salarios e precarizar de forma xeralizada as condicións da clase traballadora”.

Para Suso Seixo, ante estas medidas só cabe respostar coa mobilización social. “A sociedade ten que asumir que con este tipo de políticas non só non saímos da crise senón que se agudiza aínda máis a recesión económica. Estas políticas fanse desde unha vertente ideolóxica determinada, a da dereita e do neoliberalismo”.

Por iso, fai un chamamento a que todas as organizacións sindicais se sumen á convocatoria de folga xeral e defendan outro tipo de políticas. “Entendemos que está máis que nunca xustificada e que as políticas antisociais e antiobreiras do PP non quedan aquí. Nos orzamentos que se van aprobar no mes de marzo estamos convencidos de que van vir medidas aínda moito máis duras”.

+ info: BOE da Reforma Laboral


9.2.12

A CEG tira o disfrace

Antonio Fontenla e Núñez Feijóo
Xa hai tempo que avanzábamos que esta crise estaba a servir de coartada para transferir nichos de mercado do sector público para o privado, favorecendo así a concentración de capital nas mans duns poucos, e socializando as perdas. Houbo quen dixo que éramos uns apocalípticos, pero, tristemente, o tempo parece darnos a razón cada día que pasa.

A patronal galega (CEG) acaba de enviar ao presidente de Xunta un documento coas súas receitas para reactivar a economía. Nese documento, propoñen, sen rodeos, privatizar os servizos públicos que mais custan á Xunta, eliminar os "prescindíbeis", rebaixar os impostos ás empresas, que as empresas privadas participen na xestión dos servizos, como, por exemplo, dos hospitais, e introducir o copagamento naqueles sectores do público máis conxestionados, isto é, fundamentalmente na sanidade, pero non só. En total, segundo informan algúns medios, un total de 140 medidas nesta liña que foron entregadas nun acto privado entre Antonio Fontenla, o presidente da CEG, e Núñez Feijóo, e do que nada se soubo até que esta semana a propia CEG fixo público o encontro.