Onte celebrouse en Compostela a primeira asemblea conxunta de persoal do 112 e do 061, dando así continuidade á liña de colaboración que xa comezara hai uns meses coas primeiras reunións técnicas entre os comités de empresa dos dous servizos.
Nesta asemblea, os comités insistiron na necesidade de unir forzas tendo en conta que ambos os planteis están atrapados nun convenio que non lles corresponde e que os obriga a estar nun sector onde principalmente se fan tarefas de venda e xestión de clientes — dous traballos que, como se comentou na reunión, non teñen ningún tipo de cabida en centros en que se atenden (e non se vende) emerxencias e se tratan cidadáns (e non clientes). Unha das conclusións da asemblea foi a de que o 061 e o 112, polos seus traballos, fan parte dun sector netamente diferenciado: o das emerxencias, compartido ademais con outros servizos públicos.
Outro dos puntos da asemblea tratou a inminente resolución do concurso aberto para a contrata do 061, coa posibilidade de que Telemark-Spain, a empresa que xestiona o 112 e que tantos problemas ten dado ao conxunto do persoal que traballa nel, acabe facéndose tamén cargo do 061. Diante desta posibilidade, o persoal do 112 manifestou a súa total disponibilidade a apoiar ás compañeiras e aos compañeiros da Central de Urxencias Sanitarias, especialmente se Telemark pretende protagonizar as mesmas agresións que o caracterizaron na súa chegada ao 112.
O cambio dos centros de traballo ás novas instalacións na Agasp e a incerteza a respeito do tipo de integración que tanto a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior como a Consellaria de Sanidade pretendan levar a cabo foi outro dos temas tratados.
E, finalmente, falouse sobre o novo convenio colectivo aprobado en Madrid, que foi tachado de irrisorio, moi negativo e contraproducente. Analisouse, ademais, que será necesario camiñar cara a un convenio galego de emerxencias, onde o traballo de 061 e 112 se vexa claramente recoñecido coas suas especificidades. Neste sentido, os comités comprometéronse a traballar para ter elaborado un borrador de plataforma para a vindeira asemblea conxunta, que se celebrará no mes de xullo, de maneira que poida ser debatido, modificado e completado pola propia asemblea.
Desde a Sección Sindical do CAE 112 Galiza non podemos menos que animar á participación de todo o persoal do CAE nesta etapa de elaboración das que serán as nosas reivindicacións desde ese momento, e ademais, comprometernos a continuar firmemente a traballar por que calle e sexa produtiva esta etapa de unidade sindical entre os dous servizos irmáns.
Porque as emerxencias e as urxencias non son telemarketing!
Porque queremos un traballo digno e con futuro!
Porque, xuntos, sumamos máis!