Nas últimas semanas a empresa está a desenmascarar o seu pasotismo e a desvelar o seu odio cara ao persoal do 112 e, nomeadamente, cara aos nosos representantes sindicais. Aquela actitude hostil que no seu día tivemos que sofrer con Sebastián Arancio, agora recupérase con Miguel Ángel Viejo Fresno. Non só ameaza compañeiras do Comité, tal como denunciamos no último Liña Sindical (nº 7), senón que, despois de negarse a negociar con elas, agora decide incumprir o único acordo que houbo na reunión de maio e que afecta ás horas de representación sindical. Resulta agora que non nos permiten usar as horas para as asembleas que desde o Comité se proxectou celebrar con cada un dos grupos laborais do CAE 112.
A compañeira do Comité, Puri Torres, lembrou a Viejo Fresno que este é, precisamente, o único punto no que a empresa accedeu a chegar a un acordo, tal como recolle a acta daquel día, asinada por ambas as partes:
A empresa acepta que o cómputo de horas de representación sindical se faga anualmente, podendo compensar as horas de máis nun mes con horas de menos noutro, sen que iso varíe o número total de horas de que xa se dispón. (Acta do 29 de maio de 2012, pto. 10)
A resposta do propio Viejo Fresno foi dicir que aquel non era un acordo, senón un período de proba. E que, ademais, se negaba a poñelo por escrito porque "lo mando yo, y punto". Ou sexa: por sus cojones.
É evidente que esta saída de ton se debe, en primeiro lugar, á aparición de faixas nas pontes exixindo solucións para o 112 e, en segundo lugar, á publicación, precisamente, do último número do Liña Sindical, onde se explican as estratexias da empresa para imposibilitar a negociación colectiva no 112, e onde o propio Viejo Fresno queda en evidencia pola súa actitude prepotente e chulesca. O seu obxectivo é limitar todo o posíbel a actividade sindical que leva a cabo o Comité de Empresa, usando para iso a estratexia de meter medo e do "ordeno e mando" que tanto lles gusta a este tipo de empresas de Telemarketing, que cren que un centro de emerxencias é un couto de caza onde gañar diñeiro a mans cheas sen que importen os dereitos das traballadoras e dos traballadores. Pois aquí non lles vai servir. Aquí hai unidade e un grupo decidido a non quedar calado e a non dicir "si, amo". Non nos van pasar por riba.