31.5.12

Telemark ampárase na crise para rexeitar calquera avance significativo

Finalmente celebrouse a reunión entre Telemark e o Comité de Empresa, en relación coa plataforma de reivindicacións que o propio Comité lle fixo chegar á empresa. Segundo valora o Comité, “a reunión foi pouco produtiva, porque non serviu para chegar a acordo en case ningún punto, malia que a plataforma foi enviada hai máis de quince días”. En xeral, a empresa amparouse nas plicas, como se nelas se marcase algún límite na negociación colectiva, e no novo convenio colectivo asinado pola patronal ACE e por CC.OO. e UGT, e que tanto a CIG como CGT se negaron a asinar na mesa de negociación.

En concreto, só houbo acordo, aínda que con limitacións, na reformulación das horas sindicais que solicitamos — xusto o menos interesante para o conxunto do persoal. Do resto, só houbo negativas ou peticións de máis tempo para estudalo. Estudarán, segundo din, a aplicación da nova secuencia de 4T, 1N, 3 libres, 4M, 1N, 3 libres; a ampliación até 15 días da quincena de vacacións en verán, e a redución optativa (non eliminación) das quendas de noite a partir dos 55 anos. Xa sabemos, porén, que unha cousa é estudar estas propostas e outra moi distinta é que vaian terminar aceptándoas. E neste caso, segundo a percepción do Comité, non hai lugar para esperar grandes novas. Sexa como sexa, indicaron que non poderán dar unha resposta antes do final do verán, o que coloca acima da mesa un período de espera longo de máis para simplemente ver se á empresa lle interesa ou non. No resto, a súa resposta foi negativa. Isto quere dicir que non aceptan vincular os salarios co IPC, nin eliminar os absorvíbeis, o que na práctica suporá que teremos o noso salario miserabelmente conxelado até 2015 grazas ao maravilloso convenio asinado polos sindicatos CC.OO. e UGT. Ademais, negáronse a ampliar os permisos do propio convenio que nós demandábamos, especialmente o de maternidade/paternidade até as 22 semanas, e declinaron toda responsabilidade no mantemento do mobiliario de traballo e dos uniformes, trasladando todo o peso á AXEGA.

De modo que isto é o que ofrece Telemark: a escusa que tan ben lles vén nos últimos tempos: a crise que nós non provocamos. A súa estratexia estivo clara desde un principio: non dicir que non a todo, pero tampouco dicir que si a nada. Por iso, desde a Sección Sindical do 112 só podemos valorar negativamente a pobre actitude da empresa e a súa teima de botar balóns fora, como se non fose con ela.