O Comité de Empresa do 112 levaba xa máis dun ano caducado (aínda que con todas as súas competencias) cando, no mes de decembro, optamos por convocar unha eleccións sindicais para renovalo. Realmente non foi porque fora o mellor momento, xa que nos atopamos en pleno conflicto coa empresa e a administración a respeito das nosas condicións laborais que non deixan de empeorar desde a chegada de Telemark. Sen embargo, dados os modos autoritarios desta empresa, optamos por facelo canto antes porque sospeitábamos que canto mais tempo se tardara máis tentación de intervir no proceso ían ter.
Efectivamente, cando no mes de decembro se convocaron as eleccións sindicais, quedou claro que Telemark non ía deixar pasar a oportunidade de condicionar o proceso eleitoral. Mais alá de tentar tutelar todo desde o primeiro día, o grave veu cando a mesa eleitoral lle solicitou o censo de traballadores. Nese censo incluíron a 10 persoas entre as que hai directivos da empresa, mandos intermedios que traballan en León -e que ninguén coñece- ou persoal que traballa para o 112 pero desde outra contrata. Nun censo de 83 traballadores a inclusión de 10 máis permitiría automaticamente presentar unha candidatura e elexir un delegado de persoal unicamente cos seus votos e sen contar coas persoas que verdadeiramente somos traballadores e traballadoras do CAE 112 Galiza. Con toda a cara do mundo entre esas persoas estaban os nosos "compañeiros de traballo" Sebastian Arancio, Susana García Panchón e Pedro Osorio que, ao estaren incluídos no censo poderían votar e mesmo presentarse como representantes dos traballadores. Evidentemente, a mesa eleitoral decidiu a exclusión de todas estas persoas tras ter solicitado á empresa que acreditase a súa pertenza ao centro de traballo - o que a empresa non fixo.
A vontade das empresas de incidiren nas eleccións sindicais tampouco é un invento de Telemark. A sorpresa saltou cando a UGT presenta unha impugnación por entender que estes "compañeiros" estaban vendo minguados os seus dereitos no proceso. Porén, o único que fixeron con esta actitude foi favorecer os intereses da empresa no seu intento de manipular o proceso.
O día 8 de febreiro, na Inspección de Traballo da Coruña, celebrouse o laudo arbitral correspondente á impugnación realizada por UGT, e a situación foi xa esperpéntica. A propia UGT, por cuxa causa estábamos alí, nen sequera se persoou e foi a empresa directamente quen defendeu a “lexitimidade” destas persoas para participar nas eleccións. Aparte de facer o ridículo e mentir descaradamente, como única “proba” entregaron unhas comunicacións que rexistraran na Oficina de Empleo de Castilla y León segundo as cais estas persoas pasaban a estar adscritos ao centro de Santiago, malia nunca teren traballado nel. O escandaloso é que as eleccións se convocaron o día 21 de decembro e os escritos están todos rexistrados o día 20 de Xaneiro co que, ademais de non poder legalmente participar no proceso, se evidencia unha clara intención de inflar o censo con persoal afín co obxectivo que nós vimos denunciando: manipular as eleccións e restar forza á representación verdadeiramente lexítima do persoal do 112.
Sen embargo o papel da UGT non quedou só en ser o tonto útil da empresa frente á mesa eleitoral e á Inspección de Traballo. En primeiro lugar, convocou no seu día asembleas de traballadores para tentar elaborar a súa candidatura, o que non tería nada de malo de non ser poque esas mesmas asembleas foron promovidas por mandos da empresa que solicitaron persoalmente a determinados traballadores que se reunisen coa UGT (e só coa UGT, por certo, non con CC.OO. ou con USO, que tamén se apresentaron ao proceso). Posteriormente, e dado que a resposta do persoal do 112 foi claramente negativa, optaron por seguir polo camiño das presións. Nos últimos días, numerosos traballadores do 112 están a receber no seu teléfono particular chamadas dunha tal Ana Blanco que se presenta como “una compañera tuya de León” e que xa pasou de "te queremos explicar nuestro proyecto" a pretender que se lle asine unha candidatura pola UGT. Aínda con todo, isto non tería nada de estraño se non fora porque esta persoa ten acceso aos teléfonos particulares dos traballadores - loxicamente facilitados por Telemark - e porque o tono das chamadas chega, en ocasións claramente, á coacción.
Desde a CIG exiximos que cesen as presións e que os traballadores e traballadoras do 112 podan escoller libremente se queren ou non formar parte dunha candidatura e cal vai ser a súa participación no proceso eleitoral. De continuar as presións anunciamos que se presentarán denuncias contra Ana Blanco, UGT e Telemark por acoso e por incumprimento da Lei de Protección de Datos.