Xa temos denunciado en diversas ocasións que, con Telemark na xestión do CAE 112, as reunións de traballo entre a empresa e a representación dos traballadores se viron moi reducidas, dándonos cada día novas escusas – cada vez mais inverosímeis. Ademais, nas reunións que se teñen producido o papel dos representantes da empresa limítase a facer como que escoitan as nosas exixencias e a dicir que teñen que remitir todo a León. O único que fan é dificultar o traballo sindical do Comité e impedir que se chegue a acordos que melloren as condicións dos xestores de emerxencias. O último episodio produciuse nestes días, con Pedro Osorio dicindo que non é legal chegar a unha consolidación salarial co Comité durante o período eleitoral. Isto é rotundamente falso: o Comité ten todas as súas atribucións mentres non sexa substituído por unha nova representación. Enfín: outra tentativa de atrasar todo.
A pesar de todos os impedimentos, o Comité segue a traballar arreo, e como exemplo a asemblea que tivemos hoxe, na que se comentaron as denuncias que se están a preparar e se organizaron novas mobilizacións para os próximos días.