Momento da sinatura do II CCE de Contact Center. De esquerda a direita: Sofía Castillo, de COMFIA-CCOO; Fernando Romero, de ACE; María Pedraza, de UGT e Jesús Sanz, de UGT. |
Finalmente, consumouse unha nova fraude da patronal e dos sindicatos COMFIA-CC.OO. e FeS-UGT no sector do Contact Center, ao que o persoal do CAE 112 Galiza estamos suxeitos contra toda lóxica e contra a nosa vontade. O día 23 de maio foi a data escollida pola patronal ACE (da que Telemark fai parte) para escenificar o seu amaño con CC.OO. e UGT, que asinaron o convenio colocándose claramente por fóra da defensa dos traballadores e das traballadoras que din practicar. Na mesa de negociación, opuxéronse unicamente a CIG e CGT.
Para a CIG, trátase dun "convenio que destrúe emprego" e que se nega a recuperar o 30% do traballo deslocalizado a terceiros países onde a man de obra é máis barata e as condicións de traballo son peores. Unha práctica da que Telemark, non por acaso, se sente orgullosa e se gaba.
Ademais, malia que a baixada de salarios xeralizada que se está a dar na maioría dos sectores de servizos non fixo máis que avanzar na perda de poder adquisitivo popular e, polo tanto, no agravamento da crise de consumo, a receita deste convenio é continuar a reducir as masas salariais. Formalmente a patronal e os sindicatos estatais din que non hai rebaixa, pero se compararmos as subas salariais pactadas coa suba do IPC, o resultado está claro: o IPC vén subindo unha media do 2,4% nos últimos anos e é previsíbel que continúe por volta desa cifra. Frente a isto, pactaron unha regularización que se desvincula do IPC e que establece miserentas subas de 0,5% para 2011 e 2012, 0,6% para 2013, 0,7% para 2014, obviando directamente o ano 2010 — todo isto nun contexto en que aumentou radicalmente o gaño das empresas, alcanzando, nun sector onde se aplica de forma salvaxe a nova reforma laboral, cifras récord de beneficios que o ano pasado sobrepasaron os 1.500 millóns de euros.
Pero a fraude non termina aí. Os pactantes aumentan a temporalidade e a precariedade dos nosos contratos, amparándose en que é un sector "en vías de consolidación", o que para eles significa, directamente, que todos os contratos deben ser por obra e servizo, e non indefinidos, e que, contra os criterios do Estatuto dos Traballadores, eses contratos por obra poderán durar até 4 anos sen que sexan declarados fraudulentos e sexan convertidos automaticamente en indefinidos. Polo tanto, despedir será máis barato do que xa é. Aínda máis.
E, para rematar, crean unha Comisión Paritaria e un Observatorio Social con funcións para "mediar" cando non haxa acordo entre unha empresa e o persoal en casos de ERE ou de modificación substancial das condicións de traballo, saltándose así olimpicamente a representación que teña sido escollida polo persoal afectado, xa que nesa comisión e nese observatorio só estarán a patronal, CC.OO. e UGT.
Polo tanto, novamente estamos a ver como CC.OO. e UGT nos venden aproveitando o feito de seren as maiores centrais sindicais no Estado, renunciando á obriga de defenderen os intereses da clase traballadora. Vemos tamén como tiveron que ser novamente os sindicatos de clase, CIG e CGT, os que se negaron a participar nesta trapallada que nos vai empobrecer e nos vai precarizar. Desde a Sección Sindical da CIG no 112 sempre defendemos que o Convenio de Contact Center non recolle as especificidades do noso traballo. Por iso levamos anos, mesmo antes da nosa constitución formal, defendendo un convenio propio e mantendo unha actitude activa na mellora das condicións de traballo do CAE 112 Galiza. Non nos limitamos nunca a defender un convenio que non nos convence, e tivemos sempre a firme convición de podermos ir máis alá. Por iso presentamos no seu momento a primeira plataforma de reivindicacións que trouxo melloras salariais e sociais substantivas; e por iso vimos de presentar unha segunda plataforma que a partir de mañá, 29 de maio, queremos negociar coa empresa.

NON AO CONVENIO ESTATAL DE CONTACT CENTER
POR UN CONVENIO GALEGO
DE ATENCIÓN DE EMERXENCIAS
DE ATENCIÓN DE EMERXENCIAS