Na Sección Sindical da CIG no CAE 112 Galiza levamos tempo a denunciar os recortes que se están a vivir nos medios de emerxencias con carácter xeral: recortes en ambulancias, recortes nos equipos de extinción de incendios, recortes nos Grumir e recortes noutros centros 112 que nos fan temer un horizonte que se presenta pouco amábel. Aos escándalos do 061 de Andalucía e do Sos-Deiak de Euskadi hai que sumar o plan do governo de Cantabria para desfacerse do SEMCAS, o seu Servizo de Emerxencias, que engloba tanto o 112 como bombeiros. Os argumentos dese governo autonómico, dirixido polo Partido Popular son que os gastos de persoal constitúen o 90% do orzamento do servizo, que non existen plan de xestión que rentabilice o traballo, que o absentismo laboral é un 67% superior á media de España, etc. Argumentos que se resumen en que o SEMCAS é un servizo deficitario, tal e como teñen necesariamente que ser os servizos de emerxencias. O obxectivo do governo cántabro é privatizar o servizo e despedir 28 persoas no 112 e un número indeterminado de bombeiros, co obxectivo de que a empresa que xestione o servizo en diante poida obter lucro directo, tal como acontece xa, sen ir máis lonxe, no 112 de Galiza.
Desde a Sección Sindical da CIG e desde o Comité de Empresa do 112 de Galiza consideramos altamente irresponsábel a privatización deste tipo de servizos, cando o que deberían facer aquelas comunidades que o teñen externalizado é recuperalo para reducir o custo do lucro que vai directo ás empresas. O Partido Popular está a promever en todo o Estado un ataque continuado aos servizos públicos co obxectivo de transferir as súas actividades ao sector privado, e, sen dúbida, este ataque ao 112 de Cantabria está dentro desa mesma liña, indo máis alá se cabe e propiciando despedimentos directos que van contra a calidade do propio servizo. Dobre irresponsabilidade, polo tanto, que agardamos non ter que sofrer aquí.