A semana pasada aparecía na prensa unha nova na que se acusaba ao servizo de emerxencias 112 de ser culpábel pola magnitude do lume producido nas Fragas do Eume a causa dunha neglixencia á hora de interpretar os datos. Aínda mais: as culpas personalizábanse nunha compañeira e indicábase que, habendo outros tres incendios activos no país, o volume de traballo era outro factor que empeoraba a nosa atención perante as alarmas efectuadas pola cidadanía.
A nova non só é incorrecta, senón que, ao noso ver, responde probabelmente a unha filtración cuxo interese é desviar a atención da carencia de medios de control e extinción que os veciños e as veciñas dos concellos afectados lamentaron durante os días do incendio, e que tanto o persoal de extinción de Seaga como nós mesmos neste medio levamos tempo a denunciar.
Descoñecemos, ademais, de onde partiu tal filtración, que ademais contravén a Lei de Protección de Datos que debe observar o 112. O que si sabemos é quen queda directamente prexudicado pola mesma e quen se beneficia dela. Prexudicado queda un servizo público esencial que atende todas as situacións de emerxencia que teñen lugar en Galiza en calquera momento do ano e en calquera lugar do país. Tamén queda prexudicada a imaxe e a confianza do propio servizo público que é o 112 — por certo, en liña coas accións de desprestixio do sector público lanzadas polo Partido Popular e o governo da Xunta nos últimos tempos e que teñen como obxectivo dar "razóns" para continuar coas privatizacións.
Quen se beneficia son os responsábeis políticos que, tendo como cabeza de turco unha traballadora do 112, poden desviar a atención da opinión pública lonxe das neglixencias en que a propia Xunta incorre día tras día ao ter os equipamentos de extinción e control infradotados. En lugar de deixar pasar a nova como se nada, o que terían que ter feito os responsábeis políticos é saír a defender a profesionalidade e a calidade do servizo, deixándoa fora de toda dúbida e asumindo a responsabilidade pola magnitude do lume atinxido nas Fragas do Eume, e non só: tamén noutros puntos do país onde os compañeiros das brigadas tiveron que traballar en cadro constantemente, pondo en perigo a súa vida, e tendo finalmente que lamentar o falecemento do último brigadista morto en servizo. Está claro que o ataque ao punto máis vulnerábel da cadea, é dicir, a un
traballador do 112, é unha forma de enmascarar esa carencia de medios. E está claro que, contra iso, sempre nos encontrarán á contra. Por iso decidimos convocar unha rolda de prensa para o día de hoxe, co fin de deixar estes puntos o máis claros posíbeis e de expresar a nosa rotunda negativa a asumir culpas que non son do persoal do 112, que o único que fai é seguir os protocolos que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e mais a Axencia Galega de Emerxencias nos marcan.