24.2.12

Non é unha reforma: é un atraco!





Esta nova reforma laboral, que é a enésima e que, ademais, non vai servir mais que para pisarnos os dereitos que os nosos pais e avós tiveron que conquistar para si e para nós, está a ser contestada con unha crecente participación. As CIG ven de elaborar un cumprido informe onde se analisa pormenorizadamente este novo (reforma) atraco laboral que dá mais poder ás empresas que despois o utilizan para despedir alegremente, para acosar traballadoras polo feito de seren nais, para facer o que lles pete cos horarios e cos salarios, etc. No próximo número do Liña Sindical publicaremos unha valoración das implicacións que no caso concreto do 112 ten esta reforma, e non só ela, senón tamén o convenio que só unha semana antes asinaban CC.OO. e UGT coa patronal e que entre outras cousas prevé a conxelación salarial para os próximos anos e perdas de varios miles de euros por ano para cada un e cada unha de nós. Faremos tamén, nos próximos días, unha asemblea informativa de todo isto e debateremos sobre o modo como debemos contestar coa nosa dignidade. Onte mesmo, milleiros de traballadoras e traballadores dos servizos públicos (aqueles que supostamente tiñan todo asegurado de por vida) manifestáronse nas sete cidades galegas contra os planos do PP para desfacerse dese tipo de servizos, para minorizalos e privatizalos, ou para simplesmente eliminalos. Esas persoas, que foron as tradicionalmente envexadas pola sociedade grazas á súa situación laboral estanse a dar conta de que, con este sistema neoliberal vivían nun espellismo. Non vivamos tamén nós no engano: no horizonte, entre outras actividades, están xa a grande manifestación convocada para o día 10 de marzo, coincidindo co Día da Clase Obreira Galega, e a xornada de Folga Xeral convocada pola CIG para o día 29 de marzo, e da que tamén falaremos. 

Análise da CIG sobre a reforma laboral: clic aquí para descargares (pdf)