29.2.12

Empresas contentas: "ahora sí que sí"

Unha compañía madrileña publicita os cursos lembrando que facilita e abarata o despido, permite a redución de salarios e impón a flexibilidade interna.

As compañías de asesoramento económico comezan xa a organizar seminarios informativos dirixidos a empresas que queiran sacar o máximo rendemento á última reforma laboral do PP. Na publicidade dos cursos lembran que coa nova normativa chega a "auténtica flexibilidade interna á empresa", despedir é moito máis sinxelo e barato e a redución de salarios “será por fin unha posibilidade real”. 

As asesorías económicas non agocharon a súa satisfacción nada máis coñecer o contido da nova reforma laboral impulsada polo Goberno español. Ao pouco de se faceren públicas as primeiras medidas, algunhas compañías comezaron a publicitar seminarios informativos para que as empresas poidan “sacarlle o máximo partido”. En concreto, unha compañía madrileña sostén nos seus folletos publicitarios que a nova normativa supón un “cambio radical no panorama radical que a súa empresa necesita saber aproveitar”. Entre as bondades da reforma citan o feito de que introduza “agora si que si” o despedimento máis barato e faga da redución de salarios “unha posibilidade real”. Tamén salienta que o novo contrato para empresas de menos de 50 traballadores/as contempla un período de proba dun ano e que os despidos obxectivos por causas económicas son máis fáciles de xustificar. Así mesmo, dánlle a benvida á “auténtica” flexibilidade interna na empresa e aconséllanlle aos empresarios que “aproveiten todas as novidades para que as súas compañías poidan adaptarse ás circunstancias”. Tamén aplauden a fin dos salarios de tramitación, o novo “despido exprés” e o feito de que para os despedimentos colectivos só sexa necesaria a autorización do empresario.