Hoxe cúmprese o primeiro ano de Telemark-Spain SL como empresa concesionaria da xestión do CAE 112 Galiza. Hoxe estarán de celebración na sé da empresa en León, e quererán trasladárnola a nós e facer que os traballadores e as traballadoras participemos dese orgullo de empresa. Pero dificilmente será así. Dificilmente participaremos dese orgullo cando o que nós vemos é un retroceso constante nas condicións laborais e nas facilidades de conciliación da vida familiar e persoal de cada un de nós coa nosa vida laboral. Porque, desde a chegada de Telemark, non só non se verificaron os acordos a que se tiña chegado coa anterior empresa e coa Xunta, senón que se ten posto perfectamente de manifesto a connivencia entre Xunta e empresa para limitar e até eliminar completamente aqueles avances significativos da anterior etapa do 112.
Comezaron exixíndonos reducir o noso tempo de xestión da emerxencia. Non porque o tempo fose moi elevado (xa que o 112 de Galiza ten un tempo medio de atención da chamada e de xestión da emerxencia por baixo do tempo medio de xestión noutros 112 da Unión Europea), senón porque, atendendo máis rápido poderíamos atender máis emerxencias por xestor e así sería necesario menos persoal. Pouco lle importaba a Telemark que iso redundase nunha perda de calidade do servizo e que, deste modo, o CAE 112 ficase descuberto en momentos de concentración de chamadas e, portanto, se colapsase e deixase de prestar o seu servizo. O único que lles interesaba era reducir o número de salarios a pagar, para seguir cobrando o mesmo da Xunta e así aumentar a marxe de beneficios. A nosa denuncia deste feito freounos polo momento, pero esa visión que non ten en conta a imprevisibilidade dun centro de emerxencias continuou aí.
Tanto así que, inmediatamente despois, confesaron que lles proían as nosas condicións horarias, e o feito de que traballemos menos horas do que marca un convenio de telemarketing que nós vimos rexeitando desde hai anos. A redución de horas de traballo por cada traballador permítenos estar máis descansados e menos estresados á hora de atender emerxencias. Pero á empresa isto deulle igual. Porque se cada traballador traballa mais horas (polo mesmo salario), necesita menos persoal e pode aumentar a marxe de beneficios - outra vez. E o mesmo pasou coa adscrición de turnos, onde fixeron o que lles deu a gana sen preocuparse polas consecuencias - algunhas das cales aínda están por ver.
Tamén desde o inicio puidemos comprobar que non estaban dispostos a pagar correctamente os salarios. Dedicáronse a facer diferentes tipos de nóminas sen motivo, todas diferentes e todas mal, con persoal que traballa máis e cobra menos e á inversa, con persoal que traballa as mesmas horas e no mesmo posto, pero cotiza diferente, con conceptos inventados e, como mínimo, moi cuestionábeis, etc.
Despois dedicáronse a dubidar da calidade do servizo. Mentres diante dos medios de comunicación a Xunta e o propio 112 mostraban as excelentes cifras e os ratios de atención, e as enquisas de satisfacción cidadá que valoraban moi positivamente o traballo do persoal do 112, a empresa comezou a entregar valoracións negativas do noso traballo acompañadas de ameazas de despedimento e degradacións a aquelas persoas que se opuñan ao seu estilo prepotente de xestión do 112.
Por riba de todo isto, reapareceron nas nóminas conceptos absorvíbeis que tíñamos erradicado na anterior etapa através dun acordo entre empresa e comité de empresa. Ademais de non pagar o acordado, o que se paga non é consolidado e absorbe subas de IPC, etc., que fan que o noso poder adquisitivo se teña estancado desde hai anos.
Se a isto sumamos o fomento da división interna entre os compañeiros; as ameazas de despedimento; as negativas a cumprir aquelas melloras pactadas e recollidas nas actas correspondentes; a ausencia dun plano de formación que xustifique a nota escandalosa que, durante o concurso, a Xunta lle deu nese apartado da oferta empresarial; as cacicadas e graves irregularidades producidas durante o período de eleccións sindicais e o seu intento de crear unha candidatura claramente pró-empresa utilizando para iso censos inflados e irregulares; a chulería e a prepotencia de Sebastián Arancio e a incapacidade reiterada de Pedro Osorio; e a insistencia infantil en que temos obrigatoriamente que estar contentos e agradecidos de ter traballo e de que eles sexan tan estupendos... como se supón que debe ser a nosa valoración do primeiro ano de Telemark no 112?
Xa sabemos que a empresa ordena e manda, que fai e desfai. Que executa ordes e modifica as nosas condicións segundo lle interesa máis, aínda que o servizo perda calidade. Por iso dicimos que a empresa ten a culpa. Pero tamén somos conscientes de que a empresa necesita o visto bon e o apoio dun Alfonso Rueda despreocupado e desaparecido, dun Santiago Villanueva neglixente e dun Juan José Muñoz maleducado e que ten mostrado en diversas ocasións o seu desprezo absoluto polo 112 e o seu persoal. E por iso dicimos que a Xunta é irresponsábel. Porque subcontratar non pode equivaler a deixar á súa sorte os servizos públicos, esquecerse do persoal que os presta e facer como se non pasase nada cando aparecen conflitos laborais que tocan directamente a un servizo esencial. Se a calidade do servizo se resinte pola xestión especulativa que a empresa leva a cabo, a Xunta non pode obvialo, non pode negarse a intervir nun servizo que ela mesma ten a obriga legal de prestar. E isto é, xustamente, o que está a facer a Xunta de Galiza. Pois, non hai nada a celebrar; non estamos de parabéns. E, se nós mesmos somos responsábeis, non podemos permitirnos outro ano así.