O Xornal de Galicia estase a converter no principal delator das neglixencias da Consellaría de Medio Rural no que ten a ver coa campaña de lumes deste verán, dando voz ao persoal de Seaga e mostrando como a deixadez do governo galego se traduce nunha perda directa de cualidade do servizo. Vexamos:
Un lume ás portas de Baiona, este verán. |
Segundo a última nova publicada o día 20 de agosto, a Consellaría de Medio Rural tería carecido durante todo o mes de xullo e parte de agosto dos avións lixeiros que se utilizan para coordinar a extinción de lumes forestais, malia que o uso deses mesmos avións xa fora anunciado na presentación do Pladiga 2011. A Xunta defende que os avións estiveron activos durante a época de máximo risco, pero tanto o persoal de Seaga como os seus representantes sindicais veñen denunciando que "non houbo ningún medio aéreo de coordinación desde xullo até ao pasado 11 de agosto". Durante ese tempo, quen cubriu esa tarefa de coordinación aérea foron dous helicópteros de Seaga, un con base en Queixeiro e outro en Castromaior (este último, o do "chascarrillo" de Conde Roa). Isto non só impediu que eses aparellos realizasen operacións de combate directo ao lume, senón que impediu tamén que as brigadas desas bases puidesen traballar nesas zonas de lume. E por que estaban nesas bases? Porque precisamente durante a campaña de máximo risco de incendios, a Xunta tivo a ocorrencia de pechar todas as bases de Seaga para aforrar custos.
Os traballadores do 112 puidemos comprovar as consecuencias directas desta neglixente xestión da Consellaría de Medio Rural, dirixida por Samuel Juárez. Mesmo que fose só através do contacto telefónico que debemos facer cos departamentos provinciais do 085, quedou claro o desbordamento total e absoluto dos servizos de coordinación de lumes. Pero sabemos tamén que o tema non termina aí. Que non se trata dun desbordamento puntual, senón dunha vontade clara de reducir os medios para que a súa ineficacia obrigue a privatizar o Pladiga, tal como quere o propio Samuel Juárez (o mesmo que ordenou o apagón informativo sobre os lumes forestais), que pretende dar entrada a "empresas externas". Por iso se demorou a posta en marcha dos operativos das brigadas de extinción e nos primeiros momentos da campaña esas tarefas foron asumidas por equipos dos Grumir e de Voluntarios de Protección Civil; e por iso foron desmanteladas as Brigadas de Investigación Forestal que están encarregadas de analisar as causas dos lumes; e por iso se reduciu un 56% o investimento público para a roza de montes, segundo denunciou a FGAMP. O obxectivo: facer pasar a empresa pública Seaga por inoperante e cara (aínda que a Xunta deixou sen gastar 256 millóns de euros provenientes da UE que debían ser usados actuacións no medio rural) e despois, seguindo os desexos dos especuladores das emerxencias, privatizar o servizo.