A CIG cualificou de éxito a xornada de folga das ambulancias celebrada onte, 8 de setembro, contra os recortes no servizo de transporte sanitario urxente decretados pola Consellaría de Educación e a Fundación 061. A Xunta, coa intención de eliminar esta folga pola vía rápida, exixiu uns servizos mínimos de 100% no transporte urxente de 061 e de 50% nos traslados inter e intrahospitalarios. Porén, a resposta do persoal das ambulancias non destinado a servizos mínimos foi, na práctica, do 100%.
O secretario do sector de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, subliñou na rolda de prensa ofrecida polas centrais sindicais en Ferrol que as protestas contra os recortes nos servizos de ambulancias comezaron hai un ano, cando os sindicatos se mobilizaron en rexeitamento da modificación do Real Decreto que regula o transporte sanitario. “Daquela xa advertíamos do recorte que se ía aplicar na prestación de servizos, para o que os cambios no RD puxeron a base legal”, apuntou.
Hai unhas semanas a Consellaría de Sanidade anunciaba os primeiros axustes na atención urxente prestada a través do 061, efectivos a partir do sábado 10 de setembro: desaparición dunha ambulancia en Foz, supresión do servizo nocturno en Ponteareas, Baiona e Marín e eliminación da actividade nocturna as fin de semana dun dos vehículos de Vigo. “Estes son os primeiros recortes, pero non serán os últimos”, advertía Pastoriza, quen aseverou que as organizacións sindicais teñen noticia de que haberá novos recortes no transporte urxente e unha redución de prestacións “brutal” nos servizos non urxentes.
Sobre este punto, o responsábel de Seguridade e Saúde da FGAMT-CIG, Ernesto López Rei, matizaba na rolda ofrecida ás portas do Hospital Materno-Infantil da Coruña, que nos atopamos ante “unha administración mentireira que ten como único obxectivo eliminar os servizos públicos básicos”. Rei lanzaba estas acusacións referíndose á situación paradoxal na que se ten posto a propia Consellaría ao decretar uns servizos mínimos para a folga que van ser superiores aos servizos completos achegados a partir do próximo sábado. “A partir do día 10, a administración deixará descubertos servizos que hoxe considera esenciais”, criticou.
Nesta mesma liña expresábase o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, Alexandre Romero, quen afirmou que “non se pode consentir que sexa a cidadanía a que pague as consecuencias da crise”. Romero indicou tamén que estes recortes non son senón unha desculpa do goberno galego para avanzar no camiño da privatización dos servizos públicos, polo que advertiu que “coa saúde non se xoga”.
Dende a FGAMT-CIG reiteraron que os recortes xa acometidos empeoran un servizo que non cumpre sequera as recomendacións da Organización Mundial da Saúde que aconsella unha ambulancia de "Soporte Vital Básico" por cada 25.000 habitantes e unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado por cada 120.000 habitantes. Unha rateo que cidades como Vigo ou Pontevedra superan amplamente. “Isto xa non é pasar ao segundo mundo, senón directamente ao terceiro”, aseveraba o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.
Pola súa banda, Christian López Carmona, Secretario Comarcal da FGAMT-CIG en Lugo, insistía nesta cuestión ao asegura que “estes recortes, non teñen xustificación técnica e responden á política de desmantelamento de servizos públicos que está a levar a cabo o goberno do PP amparándose na crise”
Unha medida con consecuencias laborais
A FGAMT-CIG oponse de xeito frontal a esta rebaixa na calidade dos servizos básicos á cidadanía, mais advirte das consecuencias que a medida terá no ámbito laboral. Segundo os cálculos realizados pola Federación da CIG no prazo dun ano poderían desaparecer un terzo dos postos de traballo que actualmente existen neste sector.
Neste senso, López Carmona sinalou á difícil situación laboral que promoveu a patronal do transporte de enfermos e accidentados no ámbito galego, ao negárense a asinar a revisión salarial comprometida no anterior convenio colectivo autonómico para o sector, con vixencia até o 31 de decembro de 2010. “O obxectivo da folga é o freo do recorte de servizos anunciado pola Consellaría e a obriga de asinar as táboas salariais e sentar a negociar o seguinte convenio colectivo por parte da patronal”.
Caravanas de vehículos e protestas nas cidades
Aproveitando a xornada de folga e co obxecto de dar maior visibilidade a un paro desvirtualizado polos abusivos servizos mínimos, traballadores/as e sindicalistas promoveron caravanas de vehículos que percorreron os distintos centros de saúde. Ademais realizouse un reparto masivo de folletos informativos para explicar á cidadanía as consecuencias do recorte nos servizos prestados polas ambulancias.
No caso de Vigo celebrouse unha manifestación que percorreu as principais rúas da cidade e na que participaron máis de 300 traballadores e traballadoras, así como representantes sindicais. A marcha rematou diante da delegación provincial do Sergas, onde os afectados mantiveron unha entrevista coa súa responsábel. “O único que fixo foi tomar nota das nosas reivindicacións para trasladarllas aos responsábeis autonómicos”, comentan dende a FGAMT-CIG de Vigo. Os representantes sindicais tamén solicitaron unha entrevista coa propia conselleira de Sanidade para que lles traslade en persoa os motivos que levaron ao seu departamento a recortar os servizos.
Novo calendario de mobilizacións
Dende a CIG lanzouse unha chamada á Xunta de Galiza para que dea marcha atrás neste novo ataque aos servizos públicos e paralice os recortes anunciados. No caso contrario, os sindicatos advirten que a vindeira semana manterán novas xuntanzas para elaborar un calendario de mobilizacións “que será moito máis duro”.