9.10.11

Medio Rural aparca a sua flota contra incendios

As neglixencias da Xunta de Galiza no que respeita á xestión das situacións de emerxencia son tais que mesmo superan a tradicional ausencia de asuntos galegos nos xornais madrileños. Tanto é así que El País publicaba hoxe mesmo unha nova que debería facer dimitir a mais dun cargo político. Tampouco é nada que o persoal de emerxencias non soubéramos: que chegado setembro, dá igual o estado en que se encontre a loita contra incendios forestais, a Xunta despide persoal das brigadas de Seaga e as autobombas, carrocetas e outros vehículos quedan estacionados nun parque móbil improvisado á espera do ano próximo. Tanto dá se non hai incidencias ou se, como acontece con este outubro inusual, os montes arden como en pleno mes de agosto. 

Como sinala El País, Medio Rural continua sen ofrecer o dato dos recortes que está a aplicar ao persoal activo das brigadas, que os propios brigadistas cifran por volta do 40%, sen contar o persoal que é obrigado a ir de vacacións para que a Xunta non teña que pagalas despois, cando de verdade non haxa incendios. O PP, de todos modos, di que hai moito máis persoal do que debera (que outra cousa vai dicir?), pero o persoal do 112 sabemos perfeitamente como, nas dúas últimas semanas, o persoal do SPDCIF se está vendo obrigado a pedir constantemente a activación de Grumir, carrocetas de concellos e mesmo bombeiros urbanos perante a falta de persoal propio. 

Desde o 112, o noso maior apoio aos compañeiros de Seaga e do Spdcif; e a nosa condena mais rotunda contra os irresponsábeis e neglixentes políticos que se escudan na crise para ir ás caladas convertindo o traballo dos servizos públicos en fonte de lucro para o sector privado.