Santiago Villanueva, Director Xeral de Emerxencias. Outro dos responsábeis directos do conflito no 112 |
De toda a serie de mentiras e de datos falsos cacarexados por Santiago Villanueva na comparecencia pola pregunta parlamentar apresentada polo BNG este martes 19, cumpre destacar unha falacia principal. Villanueva defendeu que todas as peticións dos traballadores tiñan sido resoltas coa adxudicación da contrata a Telemark-Spain e dixo, ademais, que "se agora hai outras peticións, non foron manifestadas". Do que parece que non quer darse por enteirado o Director Xeral de Emerxencias é de que non son "outras peticións", senón as mesmas, as que nos levaron a manifestarnos esa mañá na rúa, tal como vimos facendo continuadamente durante o último mes. Ningunha das peticións foi cumprida. Ao contrario: a situación empiorou substancialmente e a hostilidade do persoal da Xunta ao persoal que dá o servizo de atención de emerxencias chega a níveis insoportábeis.
Por suposto, interesa ao PP paralisar as mobilizacións antes das eleccións municipais. E paralisalas é ben sinxelo: só é necesario cumprir as promesas que eles mesmos fixeron no seu día, sen que ninguén os obrigase, através de Ruiz Rivas - entón voceiro parlamentar e hoxe candidato á alcaldía de Ribeira - e de Beatriz Mato, actual Conselleira de Traballo. Sen embargo, o PP opta por outra vía, que consiste en seguir incumprindo as súas promesas e dedicarse a tentar laminar e desprestixiar o noso protesto.
Por iso Villanueva responde que todo está solucionado coa contratación de Telemark - esa empresa que nada máis chegar ameazou con despedimentos baseándose en informes de calidade falsos e capciosos, que pretendeu degradar a compañeiros por non traballaren gratis nos seus días libres, que modificou substancialmente as nosas condicións de traballo, que negou a conciliación da vida familiar e laboral a varias compañeiras con menores ao cargo; a esa empresa que gravou chamadas persoais dos traballadores, que emporcou todo canto quixo o proceso de eleccións sindicais, e que nos sete meses que leva á frente do 112 xa motivou a interposición de varias demandas xudiciais e unha visita da Inspección de Traballo que está pendente de se resolver. Así é como resolve os problemas o PP?
E qué dicir da actitude covarde do conselleiro Alfonso Rueda, que primeiro reitera as promesas feitas no seu día por Mato e Ruiz Rivas e que, xusto despois, manda dicir á Dirección Xeral e á Axencia Galega de Emerxencias que non hai fondos disponíbeis e que a crise non permite excesos. Pero que excesos? É un exceso pedir o pagamento de salarios de 2007 ou a consolidación do que xa están a pagar de maneira irregular? É un exceso pedir que se regulen as gardas de 24 horas? É un exceso, acaso, exixir que a Xunta de Galiza faga unha aposta real polo mantemento do persoal que traballa no servizo público esencial do 112 e que na seguinte contrata podería ser despedido? Onde están os excesos? Ao contrario: o único que fixo o persoal do 112 foi abrir a man, ser comprensivo e paciente e seguir cumprindo coa súa obriga, que non é outra que prestar o mellor servizo posíbel á cidadanía, a miúdo máis alá dos medios materiais disponíbeis. Este é o pago que recibimos da Xunta: menosprezo, abusos, falsas promesas, mentiras e acusacións. Así, dificilmente se pode continuar.