Momento da concentración de persoal do 112 diante do Parlamento de Galiza |
Xa o dixemos noutras ocasións: a loita continúa. E onte continuou cunha nova concentración diante do Parlamento de Galiza contra a precariedade e contra as mentiras do PP e da Xunta de Galiza, ao berro de "O 112 cumpre, a Xunta non!". Ademais, o conflito do 112 chegou tamén ao interior do Parlamento, onde o deputado do BNG Alfredo Suárez Canal realizou unha pregunta parlamentar interesándose pola situación do servizo público que é o Centro de Atención de Emerxencias. Nesa liña, as preguntas de Suárez Canal dirixíronse a saber por que a Xunta abandonou o camiño de profesionalización e homologación do servizo de emerxencias aberto pola Lei de Emerxencias de Galiza e, polo contrario, optou pola externalización sen garantías e que aprofunda a precarización do persoal do 112.
Isa Moares sendo entrevistada pola Televisión de Galiza ás portas do Parlamento |
A contestación de Santiago Villanueva, porén, foi tan ridícula como agardábamos [ver vídeo]. Primeiro tratou de deixar ben á empresa indicando que os indicadores de calidade se elevaron desde a súa chegada - dato ben curioso se se contrasta coas ameazas que sufriu o persoal precisamente pola calidade do servizo, ameazas que xa denunciamos aquí como irreais e baseadas máis nunha represalia que en datos reais (polo que di o señor Villanueva, tíñamos razón).
En segundo lugar, afanouse en facer pasar a subrogación interempresas por unha subrogación exixida no prego de condicións da contrata. Non é o mesmo, como moi ben sabemos os que traballamos no 112 e como xa temos explicado noutras ocasións: a primeira é unha medida de graza, froito de acordo entre as empresas que non ten por que volver acontecer no futuro; e a segunda é unha exixencia do concurso público que debe ser cumprida necesariamente e que unha vez introducida no prego de condicións non pode ser retirada en posteriores pregos, estabelecendo unha obriga para o futuro. Para Villanueva, sen embargo, o que a Xunta fixo foi garantir a contratación do 100% do persoal coa antiguidade máxima (mentira) e respeitando os acordos a que chegamos con anteriores empresas (outra mentira).
En terceiro lugar, Villanueva informou de que a empresa negociou e acordou co Comité de Empresa unha solución á cuestión das gardas de 24 horas. Outra mentira máis: esa negociación non se produciu nunca. O único que fixo a empresa foi comunicar que, dado que non necesitaba a activación de buscas, os ía suprimir temporalmente, até volver necesitalos. A estratexia da empresa foi clara neste caso: quitar o problema de diante, sen solucionalo. Porque o día que necesiten novamente tirar das gardas de 24 horas teremos de novo o problema acima da mesa, e sen resolver.
En cuarto lugar, Villanueva volveu insistir, como xa o fixo en diversas reunións connosco e através de Juan José Muñoz, xerente da AXEGA, en que a suba que nós reclamamos incluía as cantidades percebidas en concepto de pluses de traballo nocturno, domingos e festivos, o que é rotundamente falso. De novo, máis mentiras. Non contento con iso, comezou a compararnos con outros servizos de telemarketing, a pesar de que nós manifestamos sempre que o 112 debe ser considerado a todos os efeitos como un servizo público.
E, finalmente, dedicouse a recitar un rosario de melloras que a empresa tería aplicado ao persoal do 112, das cales todas están contempladas na lexislación, sen que poidan considerarse medidas graciábeis adoptadas pola empresa. De feito, das citadas, a únicas medida emprendida pola empresa sen que haxa imperativo legal é o seguro dental para os traballadores - que nós nunca solicitamos.
A conclusión de Villanueva é que todas as demandas do persoal de emerxencias foron atendidas e resolvidas através da adxudicación desta contrata á empresa Telemark-Spain, e que á medida que foron solucionadas esas peticións o persoal do 112 nos dedicamos a exixir outras melloras. En fin: unha grande mentira que engloba todas as demais. As exixencias do 112 mantéñense inalteradas desde 2007: cinco anos sen que se modificase a exixencia de suba salarial, nen a necesidade de subrogación real nen a necesidade de regular as gardas de 24 horas.
En calquera caso, o único que pode sacarse en claro da comparecencia de Villanueva é que a Xunta e nomeadamente a Dirección Xeral de Emerxencias se dedicou a parchear (e mal) un conflito que tiña moi fácil solución e no que os traballadores e as traballadoras do CAE estábamos dispostas a ser comprensivos cos prazos e a abrir a man debido a actual situación económica, e coa vista posta nun futuro a medio prazo. Dese medio prazo, Villanueva non di nada e limítase a sinalar que as nosas problemáticas laborais son cousa entre a empresa e mais nós. Pois non é así. O 112 é un servizo público e, como ben dixo Suárez Canal, a lei defíneo como un servizo esencial. E, polo tanto, a Xunta non pode desentenderse dos conflitos que se dan no 112. Mágoa que o modo de interesarse de Santiago Villanueva consista en ir ao Parlamento a ler unha folliña con datos falsos, a mentir descaradamente e a acusar ao persoal do 112 de pouca seriedade. Mágoa.