O día 3 de marzo deste ano, o Comité de Empresa solicitou unha Inspección de Traballo por causa da gravación das chamadas persoais do persoal de emerxencias por parte da empresa Telemark. A visita tivo lugar o día 14 deste mes, citando a inspección á empresa a unha posterior reunión para que explique esta cuestión. Desde o Comité de Empresa enviamos hoxe unha nova comunicación á Inspección, solicitando estar presentes para podermos demostrar que a gravación non se deu por erro nen por equivocación, senón á mantenta - coincidindo ademais cunhas eleccións sindicais onde a empresa se empeñou en ter un papel demasiado activo.
Despois de termos denunciado que a empresa facilitou os nosos teléfonos persoais á UGT durante as eleccións sindicais, agora gravan as nosas conversas. Unha vez mais, vulneran a nosa privacidade. Que será o próximo? Porque non esquezamos que na sala de emerxencias existen cámaras de videovixilancia das que non se deu conta ao Comité de Empresa, e que o mesmo acontece coa gravación das pegadas dactilares á entrada - ambos, temas dos que hoxe se solicitou un cumprido informe. Quedamos á espera.