8.4.11

2.500 panfletos apontan ao PP como responsábel do conflito

Dixémolo moitas veces: estamos convencidos de que a solución ao conflito laboral do 112 depende exclusivamente da vontade dos seus responsábeis, tanto da empresa como fundamentalmente da Axencia Galega de Emerxencias, da Dirección Xeral de Emerxencias e da Consellaría da Presidencia. E por iso culpamos directamente da situación aos cargos políticos que están á cabeza destes organismos nos 2.500 folletos informativos que hoxe repartimos en diversos puntos da cidade de Compostela. 

Reparto de material informativo diante da Praza de Abastos de Compostela

De mañá, tivemos ocasión de explicar a nosa situación e as súas consecuencias aos comerciantes e aos usuarios da Praza de Abastos, que mostraron un interese que nos anima a continuar denunciando publicamente as mentiras do Partido Popular en relación co 112. 

Reparto de material informativo entre os asistentes ao Fontes do Sar

E xa de tarde, o reparto completouse entre os mais de 4.000 asistentes ao pavillón Fontes do Sar, onde, antes do inicio do partido do CAB Obradoiro tivemos tamén ocasión de conversar con algúns grupos de persoas para deixar moi claro quen son os responsábeis deste conflito. A boa acollida que estamos a observar tanto na leitura dos panfletos como nas charlas cos veciños só pode convencernos de que estamos no camiño certo, e de que é por aí por onde temos que continuar até recuperarmos o respeito que merecemos e até que se cumpran dunha vez as promesas que se nos fixeron.