5.3.11

Votamos porque cremos na dignidade

A dous días das eleccións a Comité de Empresa do 112 é posíbel preguntarse para que votar. Para que votar se hai unha única candidatura presentada? Para que votar se, voto mais ou menos, o resultado vai ser que os cinco membros do Comité de Empresa que van ser elexidos corresponderán á candidatura dos traballadores suportada pola CIG? Para que votar se, unha vez eliminada a posibilidade de participación da empresa, non hai candidatos que tombar nen aos que se opor?

Parece que non hai grandes causas para votar. E, con todo, existen motivos que empuxan a facermos, o día 7, un exercicio de responsabilidade. En primeiro lugar, votar pola lista dos traballadores significa validar o apoio dado por todos os seus integrantes, os corenta e nove, á unidade sindical frente ás inxerencias da empresa. De nada serviría ese apoio na confección da candidatura se, nas votacións, non se renovase ese apoio. En segundo lugar, votar significa apoiar a decisión valente e responsábel do compañeiro Carlos Martínez, que tras traballar tres anos intensamente como delegado por CC.OO., decidiu agora unirse á candidatura única para favorecer a unidade sindical. En terceiro lugar, votar significa dicir rotundamente non ao modelo de sindicalismo que primeiro vai falar co patrón e despois co traballador, como quedou demostrado coa penosa intervención de UGT neste proceso. E, nesa liña, votar equivale tamén a visibilizar que o que nós queremos é un comité que, malia os erros cometidos, saiba estar sempre fronte á empresa e sempre sometido ás decisións da maioría nas asembleas de persoal. En definitiva: votar o día 7 equivale á primeira das mobilizacións que teremos que levar adiante para defender aquilo que xa é noso e para conseguir aquelas melloras que en xustiza nos corresponden. O día 7 vamos votar porque queremos transmitir unha mensaxe clara: no 112 continuamos unidos pola adecuación das nosas condicións laborais ao servizo público que prestamos.