7.3.11

Fica claro: a loita continúa


Por fin. Dicimos “por fin” porque despois de todo este tempo ocupados nun proceso que a Telemark e a cúpula de UGT se empeñaron en alongar e alongar, hoxe tiveron lugar as eleccións sindicais no 112, cos seguintes resultados: 66 votos emitidos (79'5% do censo), dos cales, 1 en braco, 1 voto nulo e 64 votos para a candidatura dos traballadores representada pola CIG.

As cifras ofrecen unha única leitura posíbel do que xa foi o proceso mais ponzoñoso e ridículo que se viviu no 112: finalmente, impúxose a vontade dos traballadores de seren representados por un Comité libre da estratexia de pacto barato de UGT e dos mangoneos ás agachadas de Telemark. Pendente queda aínda a resolución da Axencia Española de Protección de Datos a respeito das chamadas de Ana Blanco (Telemark-FesUGT), pero unha cousa fica clara: por riba das lexítimas preferencias persoais, o persoal do 112 evidenciou hoxe que a única maneira de termos máis forza que o patrón é estarmos máis unidos. Só deste modo se pode dar resposta na única lingua que entenden: a mobilización que non cala e que se impón sobre o escenario que eles queren: ese que ten convertido a atención telefónica no sector máis precario de cantos haxa, ese no que os obreiriños son persoas grises que falan como máquinas e que aguantan todo, todos os días. Pero nós non somos así. Exiximos dignidade e a mellor proba está na candidatura máis ampla xamais apresentada e no novo Comité que se constituirá nos próximos días, composto por Isa Moares, Óscar Valadares, Susana Camba, Puri Torres e Carlos Barral.