Despois de non apresentarse á cita de conciliación no SMAC este luns, Telemark di sentirse sorprendida e disgustada por termos escollido a vía do confronto legal, e informa agora da súa vontade de negociar os puntos quentes da situación laboral no 112: consolidación salarial, modificación substancial das secuencias e o acordo das condicións previas.
Desde o comité de empresa cremos que foi a unidade demostrada nas recentes eleccións e no apoio á iniciativa legal contra Telemark o que levou a empresa a aceptar unha reunión para reconducir a situación. Para nós, esa recondución só pode pasar por recuperarmos a secuencia tal como foi negociada e aceptada pola empresa anterior. Non pode ser doutro xeito.
Por outra parte, é tamén fundamental o recoñecemento, por parte da empresa, das condicións laborais e sociais que estaban en aplicación na anterior contrata grazas aos diversos acordos concretados entre o Comité de Empresa e MkPlan 21. Despois de nos acusaren de mentir e de tentar darmos gato por lebre nunha tradución ao español á que nós accedimos (sen termos ningunha obriga neste sentido), é fundamental que Telemark recoñeza o seu erro e acepte por fin que antes de eles chegaren xa existía o 112 e nós, os seus traballadores, xa loitábamos polos nosos dereitos e pola mellora progresiva - pero substancial - das nosas condicións de traballo.
E, finalmente, non menos importante será a cuestión da consolidación salarial. Tanto Telemark como a Xunta, através da DXEI, tentaron vendernos no seu momento unha suba salarial que non pode considerarse como tal se se fai a base de complementos absorvíbeis e non consolidados. Se queren incluir conceptos como "conta convenio" ou "mellora voluntaria" nas nosas nóminas como política salarial da empresa, nós non nos oporemos sempre que esas cantidades se apliquen acima das cantidades consolidadas que negociamos e que son, por iso mesmo, nosas. A empresa dixo recentemente que a situación non depende deles. Pero esa argallada xa non é nova para nós. MkPlan xa o tentou antes e saiulle ben. Pero non volverá repetirse: a consolidación depende de Telemark enteiramente. Se non é así, como se insinúa, e depende de terceiros, entenderemos que a administración ten neste caso moito a ver coas cantidades que cobramos, o que nos colocaría inmediatamente diante dunha situación ben diferente.
Nós non exiximos máis que o que nos corresponde. Pero tampouco pasamos por menos. Entendemos que as nosas reclamacións son ben modestas, e non estamos dispostos a continuar rebaixándoas. Mais unha vez: dignidade salarial e estabilidade laboral!