Telemark-Spain continúa na mesma. Desde o seu desembarco no 112 hai xa 7 meses, as mentiras, os falseamentos, as acusacións e as ameazas fan parte da nosa rotina diaria. A diferenza é que nos últimos tempos parecen máis histéricos. E así, as mentiras tórnanse máis delirantes, as acusacións máis desvergoñadas e as presións contra o persoal do 112 máis ousadas.
Na última comunicación da empresa ao persoal de coordinación, dáse conta por primeira vez dos datos de “absentismo laboral” (do mes de febreiro), valorando que “supera con mucho la definición de alarmante”(!). E será catastrófico, pero se nos detivermos nas estatísticas que a propia empresa remite observamos que o absentismo se refire só a baixas de IT (28%), baixas maternais (23%), ingreso de familiares (16%), excedencias non retribuídas (14%), lactancia (7%), horas sindicais (7%), consultas médicas (1%), enfermidade (1%), acompañamento de familiares (1%), defunción de familiares (1%) e exames oficiais (1%). Todos estes motivos, ademais de estaren perfeitamente acreditados en todos os casos polo traballador, están tamén regulados polo convenio lixo que a patronal e as cúpulas de CC.OO. e UGT aprovaron no seu día e son, xa que logo, dereitos laborais dos traballadores e das traballadoras do 112.
Desde o Comité de Empresa queremos denunciar, por unha banda, o que segundo todos os indicios parece outra alarmante tentativa de aumentar o lucro á custa de reducir eses dereitos; e, por outra, a hipocrisía e o máis que alarmante machismo dunha empresa que se autodefine como socialmente responsábel mentres se queixa constantemente do número de baixas maternais e mesmo tenta eliminar o dereito á redución de xornada para as nais e os pais que se acollen a ese outro dereito. Esperamos – aínda que tememos o pior – que se trate simplemente dunha desafortunada saída de ton de Pedro Osorio (outra máis) e que Telemark non estexa querendo presionarnos por esta nova vía para non irmos ao médico cando o necesitemos, para non termos fillos cando decidamos, para non facermos exames oficiais ou para que o os membros do Comité non utilicen as ridículas 15 horas mensuais de que dispoñen para realizaren un traballo sindical –á vista está– tan necesario.