26.3.11

Comezamos!

Xa é triste que nos pretendan tomar por parvos. Pero, desde a reunión de onte coa Axega e coa empresa Telemark-Spain SL, máis triste é que, ademais, pretendan que lles estexamos agradecidos. Para que nos convocaron? Para mercaren unha paz social que significaría que nós mesmos entregásemos todo o esforzo feito até agora a cambio dunha esmola? Primeiro dixeron que xa cumpriran as nosas exixencias, porque xa temos a subrogación que queríamos - ou inclusive mellor, porque suprimiron o problema das gardas retribuídas e porque consolidaban unhas cantidades que nós demandábamos para 2007. Mentiras. Mais nada que mentiras, unha detrás da outra, que pretenden deixarnos a nós como preguiceiros que o único que queren é traballar menos e cobrar máis. 

Diante disto, como non podía ser doutro modo, a nosa resposta xa é contundente: na Asemblea Xeral de traballadores do día 24 a negativa do persoal foi rotunda e sen fisuras. Até o de agora nós xa fixemos varios achegamentos, renunciando a algúns dos puntos da nosa primeira táboa reivindicativa e inclusive a cantidades que para nós son fundamentais e para a administración son esmolas. Aínda así eles prefiren o conflito e os problemas. En diante, xa que logo, mobilizarémonos na rúa e pola vía xudicial contra Telemark-Spain, SL e contra a Axencia Galega de Emerxencias cunha idea fixa: non serán eles quen nos digan cando temos que deixar de exixir o noso nen cando debemos darnos por satisfeitos. Queremos un traballo digno e que se nos trate con respeito e seriedade. E vamos traballar para conseguilo. Comezamos!