20.1.11

Telemark quéixase de que nos queixemos


Hai un proverbio chinés que di que todas as flores do futuro están nas sementes de hoxe. Das que se sementaron onte temos as flores actuais, e agora resulta que Telemark se queixa da dureza do comité de empresa, cando foron eles quen, hai só uns dias, nos negaron unha reunión coas palabras "teremos a reunión cando nós queiramos". Entón, que pretenden? Tratarnos como se fósemos estúpidos e pretender que continuemos a lles rir as grazas, a ser simpáticos, a negociar miudices e cousas polo estilo en vez de nos centrar no que de verdade nos importa? Pois parece que si. 

Sorpréndense de que a nosa posición sexa de forza, tentando facernos crer que xa se conseguiron unha morea de acordos e que a disposición de Telemark é boa. Pero non son capaces de citar un só deses acordos. Porque parece que están dispostos a negociar connosco a aplicación de certas condicións que xa son de lei ao estaren aprovadas previamente na negociación colectiva coa anterior empresa, e dicir, despois, que iso é avazar. Pero, desde logo, non están tan dispostos a tratar os puntos quentes das nosas reivindicacións: salario digno, e non esta trampa de absorvíbeis e contas convenio e trangalladas polo estilo; unha subrogación no prego de condicións e non esta fórmula que é pan para hoxe e fame para mañá; e unha regulación das gardas de 24 horas, e non esa estratexia de sacalas do cadrante e deixarnos ás espensas de que, de un día para outro - porque daquela si lles dea a gana - nos sorprendan de novo recuperándoas.

Enfin, en Telemark serán moi modernos e moi internacionais, pero a súa xestión do 112 non fai mais que producir tensión co persoal de emerxencias e empeorar a calidade do servizo público e, desde logo, a súa xestión do conflito é unha pura chapuza de manual.