14.1.11

Empresa négase a recibir o Comité de Empresa

"Non hai nada que falar". "Non estamos interesados". Con esas palabras, Sebastián Arancio e Pedro Osorio demostran mais unha vez a súa actitude completamente hostil de cara aos representantes dos traballadores e traballadoras do 112 e mais a nula capacidade da empresa Telemark para xestionar o conflito laboral que existe no 112. É precisamente esa actitude destrutiva que o persoal do 112 xa denunciamos da AXEGA o que agora nos topamos por parte da empresa e o que non nos deixa outra saída que tentarmos outras vías, menos gratas pero, polo visto até hoxe, máis efectivas. 

Desde logo, non nos poderán acusar de non termos tentado solucionar esta situación polas boas, solicitando reunións coas demais partes para trasladar a nosa boa disposición a negociar calquera cousa, partindo sempre dunha base mínima, que son os dereitos que son nosos por termolos acordado antes. Nós só queremos que a empresa deixe de modificar arbitrariamente as nosas condicións de traballo. 

Só queremos realizar o noso traballo, que é prestar o servizo público de atención de emerxencias, sen ter que estar constantemente a nos preocupar de cobrarmos o salario correctamente, de non sufrirmos represalias por negármonos a cubrir quendas no noso tempo de descanso ou de que nos ameacen con calquera escusa para nos meteren o medo no corpo e que renunciemos ao que temos acordado e ao que é lexítimo aspirarmos. O 112 pode - e debe - ser un traballo digno para que o propio servizo que prestamos sexa tamén digno. Mais parece que hai persoas especialmente interesadas en manter a precariedade no servizo público de emerxencias. Por que?