23.1.11

Que quer Telemark do proceso eleitoral no 112?


Desde antonte, o proceso de eleicións ao Comité de Empresa do CAE 112 está xa en marcha coa constitución da mesa eleitoral. E desde antonte xa, todo o persoal que traballamos no 112 estamos informados da existencia de "compañeiros" que non coñecíamos: persoal de estrutura de Telemark-Spain que, para a nosa sorpresa, están incluídos no censo de eleitores e que, por iso mesmo, poderían tamén resultar eleitos para o Comité de Empresa, xa que contan cunha antiguidade superior á que marca o inicio dos seus traballos para este centro. Por ese camiño até se podería chegar á situación demencial de que Sebastián Arancio, que dirixe o 112 para Telemark e en grande medida é o responsábel das últimas manobras da empresa, fose nomeado membro do Comité que ten que defender os intereses dos traballadores.

A escusa da empresa é que, na medida en que todo o persoal de estrutura é persoal de Telemark e na medida en que están adscritos a este centro (aínda que algúns deles non estiveron nunca presentes nel), esas persoas teñen dereito a voto no 112. Alén das dúbidas legais que isto concita, o que parece claro é que a empresa ten intención de influir nas eleicións, mesmo que só sexa mediante o voto desas persoas. Só iso xa dá para propor unha seria dúbida ética. Mais, en todo caso, pensarmos que, tendo a oportunidade, a empresa non o vai facer sería perigosamente inxenuo pola nosa parte. Que sentido ten que a empresa e os seus representantes voten por unha candidatura ou contra unha candidatura coa que despois teñen que negociar temas fundamentais? Ou, pior aínda, que sentido tería que persoal executivo da empresa estivese presente en candidaturas ou, sen estalo, as apoiase tacitamente? A inxerencia das empresas nos procesos eleitorais nas empresas non é unha novidade. Non a inventou Telemark. Mais para nós non hai dúbida de que tentará crear división entre os traballadores e usar o poder de voto que se autoconcederon para privilexiar calquera candidatura con tal de que non se repitan os resultados das últimas eleicións.