26.1.11

112 apoia a Folga Xeral do 27-X.


O Comité de Empresa do CAE 112 Galiza, con representantes da CIG e de CC.OO.,  apoia unanimemente a folga xeral convocada pola CIG para mañá, 27 de xaneiro, en defensa do sistema público de pensións e do emprego con dereitos. As reformas que pretende impulsar o governo español afondan na inxustiza social ao reducir as pensións da maioría máis pobre e incrementar as da minoría máis rica. Nós, como traballadores dun servizo público privatizado e sometido ao convenio de Telemarketing, o mais precario de cantos hai no conxunto do Estado, temos claro que a reforma destas pensións nos vai prexudicar directamente, xa que a maioría do persoal do 112 si será afectada no momento en que se vaia xubilar.

Primeiro foi a reforma do mercado de traballo, que consistiu fundamentalmente en abaratar o despedimento. A semana pasada, o ministro do Traballo recoñeceu que a medida non está a mellorar a contratación, senón a empiorala. Pero nada se di de rectificar. Non funciona para crear emprego, pero sí para despedir máis barato, que é o que quere a CEOE.

Agora está na mesa a reforma das pensións, que pretende dificultar o acceso ao sistema público de pensións para que os traballadores comecemos a contratar plans privados de xubilación – plans privados que dependen da grande banca que hai só uns meses o governo español resgatou con miles de millóns de euros, producindo así o burato da débeda que agora todos pagamos. Enfín, todo para a banca, nada para nós.

E detrás disto ven a reforma da negociación colectiva, coa idea de eliminar os convenios provinciais e centralizar a negociación en Madrid, onde os sindicatos máis combativos, como a CIG ou ELA, teñen menos representatividade. E, ademais, pretenden eliminar a ultraactividade do convenio, de maneira que se non se negocia un convenio novo antes da finalización do anterior, as empresas poden pór os seus traballadores a condicións mínimas, sen ter que respeitar o convenio que fose asinado anteriormente. De modo que as melloras que conseguimos por riba do convenio no 112 poderían ficar sen efecto no caso de que os sindicatos estatais non conseguisen – ou non quixesen – forzar a patronal a negociar un novo convenio. Só como apuntamento: o convenio de Telemarketing caducou en 2009. Neste escenario, se a reforma da negociación colectiva se tivese aprovado anteriormente, Telemark podería pornos a condicións mínimas (estatuto dos traballadores, salario mínimo interprofesional, máis horas de traballo, etc.). Alguén dubida que Telemark non aproveitaría esa situación? Pois, como Telemark, o resto das empresas.

Contra todo este panorama, o persoal do 112 estará presente na manifestación de Compostela ás 12h30 na Praza Roxa cunha faixa que demostre a súa adesión á folga e que exixa a solución do conflito laboral que, desde a chegada de Telemark, non fixo mais que agravarse. 

Contra as reformas antisociais e polo emprego digno, 
na Folga Xeral, 112 presente!