A empresa Telemark, que xestiona o 112 desde que a Xunta de Galiza a colocou á frente do servizo de atención de emerxencias, é unha das patrocinadoras do Club Baloncesto León. No partido que o enfrentou esta tarde ao CAB Obradoiro no Multiusos Fontes do Sar, estivemos presentes despregando unha faixa diante dos mais de 3.000 asistentes, entre os que había varios cargos da Xunta, incluído o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, con quen vimos de reunirnos e que continúa negándose a pór solución a un conflito ben sinxelo de resolver. Tamén repartimos 600 notas informativas entre os seareiros, que se amosaron sorprendidos de que a Xunta estexa disposta a precarizar até tal ponto un servizo público tan sensíbel como é o 112. Unha vez mais, o 112 estivo presente e Telemark e a Xunta quedaron en evidencia perante a cidadanía, que quer xestión responsábel e de calidade.