Despois de varias semanas recibindo constantemente ameazas de nos pór na rúa, a empresa Telemark acaba de comezar a notificarnos as súas valoracións de calidade do servizo. Disque non traballamos ben. Pero o caso é que en ningún momento se nos comunicaron cais son os parámetros de calidade aos que temos que chegar. É dicir: que nos exixen que cumpramos uns parámetros que non coñecemos. E, se non os cumprimos, ameazan con despedimentos, con degradacións de categoria e así por diante.
Esta situación é completamente nova para nós. MkPlan 21, a anterior concesionaria do servizo, xamais dubidou da nosa profesionalidade e até nos momentos máis crus do conflito que mantivemos con eles a nosa boa disposición e o noso bon facer nunca foi posto en entredito. O único que podemos deducir, daquela, é que o problema é da empresa, e non noso. Sobre todo porque os resultados da enquisa á poboación realizada o ano pasado avalan claramente o noso modo de traballar: 99% da poboación considera que a súa chamada foi atendida rapidamente; 97% indica que, no caso de consultas, recibiu a información que solicitaba; 84% sostén que a súa solicitude de auxilio foi correctamente recibida; 99% recomendaría o servizo telefónico do 112 aos seus achegados; e 99% considera que o persoal do 112 é "cordial" ou "moi cordial, transmitindo seguridade".
Porén, a empresa acúsanos - sen probas - de atender de malos modos aos chamantes, de enredar nas chamadas e outras valoracións polo estilo. Non deixa de sorpreendernos que, xustamente, esas valoracións as faga unha persoa que hai só dous meses descoñecía todo sobre o 112 e que se dedicaba a dar servizo de atención telefónica a compañías de internet, de telefonía, etc. Si, xustamente a ese sector que sempre resulta tan ben valorado polos usuarios... Enfín, cousas da privatización. Cousas de regalarlles as concesións aos amigos.