25.10.10

A interminábel historia do centro de traballo

Temos que nos informar por un panfleto local do Partido Popular da Estrada que as obras da nova sé do CAE 112 Galiza estarán rematadas nun prazo de 18 meses desde a súa licitación. É dicir, que é só através dun texto de propaganda política que temos coñecemento do noso futuro traslado a unhas novas instalacións que, a dicir de Juan José Muñoz, xerente da AXEGA, son un importante gasto para mellorar as nosas condicións laborais. Xa temos criticado en numerosas ocasións este modo disparatado de considerar o conflito do 112 – e cómo, através dese modo de entendelo (non entendendo nada) a Xunta non é capaz de solucionar un conflito que nada ten a ver coas instalacións. 

É certo que temos denunciado varias veces que o material de traballo do 112 non é o adecuado, que está obsoleto e que cómpre renovalo e mantelo actualizado. Pero nesas denuncias non nos referimos en momento ningún ao propio centro de traballo, senón á información de manexamos e que serve para xestionar as emerxencias de modo mais eficiente. Por certo que é precisamente o persoal do 112 – ao que agora a AXEGA acusa de falta de seriedade e de pouca profesionalidade – o que estivo a realizar este traballo de actualización que non se lle remunera e que non lle corresponde. Así as cousas e tendo presente tamén a actitude hostil da empresa Telemark e da Xunta de Galiza cara aos traballadores, que o centro de traballo sexa máis ou menos cómodo non é un tema que urxa nen que represente sequera unha preocupación para nós. As nosas prioridades están ben claras: consolidación salarial e pago das contías acordadas, regulación e retribución das gardas de 24 horas, e subrogación plena e non revisábel. O que veña a mais estará ben, pero non vai solucionar o conflito. Sáibano.