14.10.10

Regreso ao futuro. Vellas deficiencias que se repeten.

Parece que Telemark comeza a súa xestión do 112 Galiza reproducindo algunha das teimas que no seu día denunciamos de MkPlan 21: no último mes xa van varios turnos en que o dimensionamento mínimo do servizo que estipula a AXEGA non se cumpre. E aínda que a propia AXEGA e a Xunta son claramente conscientes, ningunha se importa o máis mínimo. Resultado: deficiencias de cobertura que van camiño de tornarse novamente habituais se non se lles pon remedio.

Na anterior ocasión, tivo que ser o persoal do 112 quen demandase precisamente un dimensionamento correcto e quen denunciase que MkPlan 21 non estaba a manter os mínimos estabelecidos pola Administración. Entón,  foron as traballadoras e os traballadores os que demostraron o maior interese no bon funcionamento do teléfono de emerxencias ao mesmo tempo que reclamaban unhas melloras mínimas nas súas condicións laborais. 

E hoxe, polo que parece, a historia volve repetirse ponto por ponto. Quen denuncia a situación volve ser o persoal do 112. Quen mira para o outro lado seguen a ser a AXEGA e a Xunta de Galiza, desde o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, ao Conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda. E quen se beneficia continúa a ser unha empresa privada, como en todas as subcontratas e chiringuitos da Xunta. Até se reproduce unha outra cuestión: igual que no seu día MkPlan21 sostiña o discurso de que sobraban traballadores no 112, hoxe é Telemark quen, desde o primeiro día da súa xestión, mantén ese discurso que ameaza ao mesmo tempo postos de traballo e a calidade do servizo. Para a nova empresa, tamén sobran coordinadores e xestores de emerxencias, ainda que despois non se cubran os mínimos estabelecidos na contrata. 

Nós xa dixemos claramente que a calidade do servizo de emerxencias 112 está directamente relacionada coa calidade laboral do persoal do 112. Agora paira novamente no ambiente esa teima en reducir postos de traballo. E tamén paira o que esconde por trás de si: unha redución de custos que faga aumentar a columna dos beneficios da empresa privada á conta do diñeiro e dos servizos públicos - e á saúde desa reforma laboral regresiva e antisocial que agora torna mais barato despedirnos. Abonda xa: queremos servizos públicos e querémolos correctamente dotados. Se non, non nos serven, nen como cidadáns nen como traballadores.