Esta mañá celebrouse no local nacional da CIG unha rolda de prensa convocada polo Comité de Empresa do CAE 112 Galiza para explicar as condicións laborais e as deficiencias de cobertura no servizo de atención de emerxencias da Xunta. Os medios de comunicación presentes, así como aqueles que conversaron posteriormente co Comité de Empresa do 112, interesáronse polo reinicio do conflito laboral que mantemos, sobre todo cando responsabilizamos directamente a Xunta de Galiza e a Axencia Galega de Emerxencias das problemáticas que reaparecen malia estaren en grande parte solucionadas na anterior contrata.
Como xa dixemos, a empresa non cumpre os mínimos de traballadores para cubrir o servizo, e a Xunta sábeo. Tampouco cumpre os acordos laborais, e a Xunta tamén o sabe, dándolle a razón á empresa. Por iso, e porque a Xunta parece non querer ocuparse deste conflito nun dos seus servizos públicos, seremos os traballadores do 112 quen, mediante demandas por vía xudicial e denuncias a pé de rúa, teñamos que forzar a solución: que paguen o acordado, que manteñan a totalidade do plantel e que rematen os abusos das gardas de 24 horas. En definitiva, que se poñan en marcha os acordos a que temos chegado coa AXEGA e coa Xunta. Así o transmitimos aos diversos medios de comunicación, para que a cidadanía estexa informada da xestión neglixente de Juan José Muñoz (xerente da AXEGA), Santiago Villanueva (director xeral de Emerxencias e Interior) e Alfonso Rueda (conselleiro da Presidencia).