Telemark-Spain S.L., a nova empresa que xestiona o Centro de Emerxencias 112 Galiza, xa comezou a modificar as condicións laborais do persoal do 112 co obxectivo de aumentar o seu lucro reducindo custos a calquera prezo, o que precarizará aínda mais o plantel e afectará directamente á calidade do servizo público de emerxencias.
En setembro deste ano, a Xunta de Galiza, através da AXEGA, outorgou a concesión por 2 anos e 5 millóns de euros a unha empresa, Telemark Spain, S.L., que se dedica a xestionar servizos de Telemarketing a terceiros desde Sudamérica, que ten unha rama inmobiliaria e outra tecnolóxica e que xamais antes xestionou un centro de emerxencias. A falta de experiencia da nova empresa é tan manifesta que xa comezou a facer cambios que atentan claramente contra a calidade do servizo público que prestamos, co obxectivo de aumentar o lucro mediante a modificación das nosas condicións laborais e salariais. O seu obxectivo é tratar o 112 como se fose un servizo de telemarketing puro – un dos sectores máis precarizados de cantos hai – omitindo á mantenta as condicións específicas da xestión de emerxencias, os niveis de stress, o desgaste físico e psicolóxico adicional e a necesidade de formación específica e de experiencia concreta no trato das emerxencias. Nas reunións que xa tivemos a respeito disto, a propia empresa insiste en cuestións de produtividade, como se no 112 en lugar de xestionar o socorro en casos de emerxencia do que se tratase fose de fabricar produtos ou vendelos. Aínda mais, por primeira vez desde que este servizo existe comezan a pedirnos que reduzamos ao mínimo o tempo de trato coas persoas que alertan dunha emerxencia e que unifiquemos as nosas preguntas e as nosas respostas ao punto de comportármonos como máquinas, ignorando novamente que unha situación de emerxencias non responde a un protocolo inflexíbel, senón a unha cantidade de condicionantes tais que se fai necesario atender as emerxencias unha por unha – porque non se pode dar o mesmo trato a unha petición forzas da orde que a un suicida. A consecuencia directa destas exixencias da nova empresa poderá comprobarse inmediatamente: perda de flexibilidade no trato, perda de profesionalidade na xestión e, en xeral, perda de calidade na prestación deste servizo público. Perante isto, a Xunta e a AXEGA, coa súa actitude incendiaria e hostil aos traballadores posiciónanse favorabelmente ao recorte de dereitos e prestacións laborais do persoal do 112, inclusive daquelas que xa tiñan sido acordadas coa anterior empresa, MkPlan21, S.A., e que veñen recoñecidas polo documento de subrogación asinado polo noso Comité de Empresa e pola nova concesionaria. A AXEGA é responsábel por esta situación, pero négase a recibir ao noso Comité de Empresa e, cando por fin accede, crese con dereito a decidir que membros e en que calidade deben acudir á xuntanza – todo para despois acusarnos de pouca seriedade e de non entendermos as condicións de crise que estamos a atravesar.
Diante disto, a nosa interpretación é moi clara. Primeiro: a crise non ven derivada dos nosos salarios nin das nosas condicións laborais. A crise non a provocaron os traballadores e traballadoras, e nós non estamos dispostos a asumir nen a responsabilidade nen nengún recorte que se queira xustificar por esa vía. Segundo: as cantidades económicas que están asinadas e que agora nos pretenden recortar corresponden a 2007, cando non había crise, e non as modificamos desde entón – demostrando así un rigor e unha seriedade fora de toda dúbida. Ademais, reclamamos unha regulación do noso traballo de gardas de 24 horas, xa que non estamos a percibir un só céntimo por ese traballo que se realiza como horas extras e que a miúdo non responde a necesidades reais, senón á negativa da empresa a manter un servizo correctamente dimensionado. E, dado que nen a empresa nen a Xunta de Galiza queren cumprir o acordado, non nos queda outra opción que abrir vías xudiciais e de mobilización social co obxectivo de acadar un fin satisfactorio ao conflito. A nosa única exixencia é que se respeiten os acordos asinados. Mentres os responsábeis do servizo se neguen, nós non pararemos nen descartarmos calquera medida de presión.