Baixo os lemas “ Emprego e salarios dignos. Non ao pacto social” e “O déficit público que o pague o capital. Reforma fiscal xa!”
A CIG convocará para o Primeiro de Maio, ‘Día do Internacionalismo Proletario’ manifestacións en todas as comarcas baixo os lemas “Emprego e salarios dignos. Non ao pacto social” e “O déficit público que o pague o capital. Reforma fiscal xa!”. A manifestación central, como en anos anteriores, terá lugar en Vigo, con saída do Cruce da Doblada ás 12:00 horas. Nestes dous lemas preténdense sintetizar os eixos nos que a central sindical centrará a campaña a desenvolver arredor desta significativa data. Por unha banda, salientando os principais problemas que padece a clase traballadora por mor da crise: emprego e salarios e, pola outra, reclamando unha reforma fiscal para que se garanta a progresividade do sistema e que paguen máis quen máis teñen.
Emprego e salarios son os dous principais problemas que ten, neste intre, a clase traballadora. O emprego, segundo explicou a secretario xeral, Suso Seixo, na rolda de presentación da campaña do Primeiro de Maio, pola grave perda de postos de traballo que se vén producindo neste último período e os salarios, porque é imprescindíbel recuperar o poder adquisitivo da clase traballadora para aumentar a capacidade de consumo e reactivar a economía.
Así, lamentou que lonxe de aplicar medidas dirixidas a solucionar estes problemas “as outras organizacións sindicais dedícanse a fomentar a idea de que a través do Pacto Social e desas Mesas de Diálogo Social que teñen constituídas en Madrid se poden articular alternativas á crise, no canto de combater as causas que a provocaron”. E denunciou a idea “profundamente equivocada” que se está transmitindo, ao facerlle crer á poboación que a solución para saír da crise está no mercado laboral e na reforma dese mercado, “cando non foi nin a súa rixidez nin os altos salarios os que a provocaron, senón a economía especulativa e mesmo a política de moderación salarial que se seguiu nos últimos anos, que provocou unha caída do consumo ou en moitos casos o endebedamento masivo da poboación para poder consumir”.
O déficit público que o pague o capital
Respecto do déficit, Suso Seixo afirmou que, efectivamente, a recesión económica está a xerar un déficit público importante. Malia isto, especificou que a CIG entende que “non é o déficit público quen nos levou á recesión”. Por iso a central sindical aposta por combater as súas causas e, en ningún caso reducir o gasto social, como están facendo os distintos gobernos. “Cremos que hai que incrementar o gasto público para reactivar a economía e que para combater o déficit público hai que pór en marcha unha reforma fiscal, incrementando os impostos directos sobre as rendas do capital e sobre as grandes fortunas. Sobre aqueles que teñen recursos que poden aportar ao estado para que este os utilice para fomentar a economía produtiva fronte á especulativa que foi a que se fomentou até o de agora”.
O secretario xeral da CIG fixo unha análise das alternativas que se están a barallar para saír da crise. Alternativas que confirman “a compoñente de clase deste sistema porque van dirixidas a recortar de novo dereitos, a precarizar as condicións laborais... a prexudicar unha vez máis á clase traballadora e non precisamente a buscar saídas á crise que eviten que se vaia reproducir ou que dure moito tempo, ou que axuden a saír canto antes da mesma”. Medidas das que salientou que manteñen intacto o actual modelo “orientado cara unha economía altamente especulativa que o que fixo foi favorecer precisamente os intereses dunha minoría: da oligarquía financeira, dos especuladores, fronte os intereses da maioría social”.
Seixo lembrou que fronte estas medidas a CIG aposta por controlar o sector financeiro, potenciar a economía produtiva fronte a especulativa, eliminar os paraísos fiscais ou pola creación dunha banca pública para garantir que os recursos cheguen ás familias ou ás empresas necesitadas.
Neste sentido, salientou que nos EEUU, país que representa o capitalismo neoliberal, hai hoxe un debate social en torno á necesidade dunha banca pública, porque hai moitos sectores que ante a cantidade de recursos públicos que se destinaron ao sector financeiro privado consideran que sería bastante máis rendíbel socialmente que eses recursos se canalizaran a través dunha banca pública. E mesmo lembrou que hai estados nos EEUU que contan cunha Banca Pública que foi, precisamente a que non tivo que recorrer ás axudas multimillonarias que aportou o estado a outros sectores que si entraron en quebra.
O secretario xeral da CIG lamentou que nin o goberno galego nin o goberno central estean dispostos a atender a estas propostas que se veñen facendo desde o campo sindical ao ámbito político e a aquelas institucións que tiñan que poñelas en práctica. “Ante iso só nos queda unha solución que é o traballo de concienciación social e a mobilización, para obrigar aos gobernos a que fagan políticas de carácter estrutural, e poñan en marcha reformas profundas que nos leven a un modelo de organización social e económico moito máis xusto, solidario e democrático que o modelo actual”.
Manifestacións
Vigo, ás 12:00 h. con saída do Cruce da Doblada.
Coruña, ás 12:00 h. con saída da Praza de Vigo
Santiago, ás 12:30 h. con saída da Praza Roxa
Pontevedra, ás 12:30 h. con saída da Praza da Ferrería
Ferrol, ás 12:00 h. con saída da Avda. de Esteiro
Lugo, ás 12:30 h. con saída da Ronda da Muralla
Ourense, ás 12:00 h. con saída do Pavillón dos remedios
Ribadeo, ás 12:30 horas, con saída do Edificio Sindical