10.4.10

V Congreso da Federación de Banca, Aforros, Seguros, Oficinas e Telemarketing

Nova Executiva escollida no V Congreso da Federación

Hoxe, 10 de abril, celebrouse en Ourense o V Congreso da Federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG, que desde hoxe inclúe o sector de Telemarketing tamén na súa denominación. O sector no que estamos encadrados (erradamente, ao noso parecer) incorporouse a esta federación hai catro anos. Daquela, a CIG non contaba con ningún delegado de persoal nos comités de empresa. Hoxe, só catro anos despois, a representatividade da Confederación Intersindical Galega ten atinxido o 20%, con importantes seccións sindicais nas principais empresas do sector en Galiza: Atento, Eurocen, Unísono CRM, Sykes, Universal Support, Bosch (con 12 representantes dun total de 17), ou o CAE112 (4 representantes dun total de 5). Todo isto malia as políticas de represión - despedimentos incluídos - que as empresas levaron a cabo contra os delegados e as delegadas elixidas por nós.

Cada vez, pois, temos máis capacidade para apoiar os traballadores e máis capacidade para loitar xuntos contra o abuso por parte das empresas. Exemplos diso foron os conflitos en Atento contra o desmantelamento da plataforma da Coruña; en Bosch contra a represión sindical e a deslocalización de Vodafone, igual que en Unísono; e exemplos continúan a ser os conflitos aínda abertos en Sykes contra a deslocalización e o ERE e en MkPlan21 contra a precarización da atención ás emerxencias.

O V Congreso Federal que hoxe celebramos en Ourense serviu para sintetizar as loitas mantidas, e tamén para visibilizar o sector de telemarketing, o máis precarizado de todos cantos haxa. E serviu aínda para escollermos a nova Executiva Federal, os representantes da executiva no Consello Confederal e o Secretario Nacional da Federación, que novamente será Clodomiro Montero. Desde a sección sindical da CIG no 112 queremos expresar os nosos parabéns aos novos cargos. O que resta é continuarmos a defensa dos nosos dereitos ameazados e mais a loita pola mellora das nosas condicións laborais.

Pois, todas e todos: a traballar!