21.10.09

Rueda confirma a súa boa disposición para negociar


Na tarde do luns 19 celebramos, finalmente, a reunión que a Sección Sindical da CIG tíñamos solicitado á Consellaría da Presidencia. Asistiron o director xeral Santiago Villanueva, e o conselleiro Alfonso Rueda. Coa demanda da regulación das gardas retribuídas xa ben avanzada tanto coa empresa como coa administración, centrámonos en explicar a necesidade de que no próximo concurso público se exixan como condición tanto a subrogación como a consolidación salarial e a suba no tramo de operación. Pola parte da Xunta, tanto Rueda como Villanueva se mostraron favorábeis a incluir ambas as condicións, aínda que recoñecen mais dificultades no apartado salarial malia os avances que xa temos atinxido coa actual concesionaria. En todo caso, emprazáronnos a unha nova reunión de negociacións antes de mediados de decembro, coa finalidade de irmos concretando puntos de cara ao novo prego de condicións que a Xunta deberá elaborar antes do fin de xaneiro.

Polo tanto, verificamos un cambio na disposición da Xunta de Galiza, agora máis dialogante e cunha vontade crecente de resolver este conflito enquistado, e agardamos, portanto, que nas próximas reunións de traballo estexan dispostos a iren materializando esa boa vontade en acordos firmes.