
Hoxe mantivemos a reunión que convocáramos desde o Comité de Empresa do 112 co Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, á que tamén se presentaron o Subdirector Xeral, o secretario da AXEGA e persoal de asesoría xurídica, que nos comentaron a decisión de mover o CAE112 para a vila da Estrada, no interior das instalacións da actual AGASP. Mais, fora de anuncios que xa coñecíamos pola prensa e de outros comentarios menores, a reunión serviu para que a administración nos dixese o que xa esperábamos: que seguen con vontade de subrogárennos e de regularizaren as gardas retribuídas, e que as nosas reivindicacións económicas terán que agardar a que se elaboren os orzamentos da Xunta de Galiza para 2010.
[Preme en "ler mais" para veres o resto]
A boa vontade, infelizmente, non nos serve para nada, porque boa vontade tamén tiñan os anteriores, e os anteriores aos anteriores, de modo que, sen dubidarmos da palabra de Santiago Villanueva, solicitámoslle a sinatura dun acordo para que no próximo concurso se contemplase a solución aos tres puntos irrenunciábeis que levamos anos demandando. Sen embargo, a negativa foi rotunda e Villanueva insistiu na necesidade de termos que confiar na súa palabra e, de novo, na boa vontade da consellaría e da dirección xeral. Non entendemos que, se teñen a absoluta seguridade de que se van solucionar as exixencias da subrogación e das gardas, se neguen absolutamente a asinar ese compromiso. E tampouco entendemos que a cuestión económica se teña que decidir en función de se os próximos orzamentos autonómicos se deseñan á alta ou á baixa. Quere iso dicir que se a Xunta de Feijoo segue a súa liña de austeridade orzamentaria, os traballadores do 112 vamos continuar sen o recoñecemento económico debido?
E aínda: non entendemos que ten a ver o esforzo que a DXEI di facer para mellorar a habitabilidade do centro de emerxencias – renovando o mobiliario e reorganizando o interior do propio centro – coas exixencias que nós temos presentado. Non dicimos que non sexan actuacións necesarias. Aínda ao contrario: son urxentes. Pero non teñen nada a ver cos problemas laborais e salariais do persoal do 112.
En calquera caso, dada a reiterada incapacidade da administración para comprometerse a serio na mellora das nosas condicións laborais (asinando acordos hoxe, mesmo que se poidan aplicar nun futuro próximo), a nosa resposta como Comité de Empresa é, en primeiro momento, convocarmos unha asemblea xeral, na que o conxunto do persoal decidiremos sobre a estratexia a seguir. Non estamos dispostos a seguir agardando indefinidamente. Tal como informamos aos representantes da administración nesta xuntanza, seremos nós quen marquemos os tempos en diante, e se a asemblea decide que se farán mobilizacións, faranse mobilizacións. Desde o Comité de Empresa preferíamos que os compromisos fosen firmes e que iso se demostrase mediante a sinatura de acordos de mellora. Pero a administración non quere, e nós xa levamos tempo de mais confiando na boa vontade dos nosos responsábeis.