22.7.09

112 mal dimensionado (outra vez)


Xa temos comentado en multitude de ocasións que o 112 está mal dimensionado, que as previsións e que os ratios mínimos exixidos pola Xunta son insuficientes para facer fronte a xornadas en que se concentran un grande número de incidencias. As nosas denuncias quedaron demostradas durante o episodio do Klaus, en xaneiro deste ano, e así o fixemos saber á cidadanía galega. Daquela denunciamos a improvisación e a falla de capacidade operativa do CAE112, e o entón conselleiro da Presidencia, Méndez Romeu, aprestouse a dicir, por suposto, que todo estaba baixo control.

A xornada de hoxe recordounos as daquel momento, salvando as distancias, porque se repetiron os síntomas do dimensionamento tacaño do 112: chamadas en espera e verdadeiras dificultades para xestionar en tempo real as incidencias que se nos comunicaron. E todo isto durante un episodio de alerta amarela como hai tantos ao longo do ano. A que se debe unha ineficacia así? Ao noso ver, hai dous motivos claros. En primeiro lugar: as previsións de dimensionamento da Xunta son axustadas de mais para manteren a súa operatividade no caso dunha concentración de chamadas que se saia minimamente do normal. En segundo lugar: a empresa MkPlan21 incumpre flagrantemente os ratios mínimos ordenados pola Xunta de Galiza. Nunha mañá en que deberíamos estar a traballar nove xestoras e xestores, o dimensionamento foi apenas de sete, de modo que nos vimos obrigadas a traballar con mais presión do normal, do cal resulta que a atención prestada non foi todo o eficiente que debera.

O persoal do 112 queremos facer ben o noso traballo. Págannos por axudarmos as persoas perante as emerxencias, e non podemos facelo se nos obrigan a traballar por riba das nosas capacidades reais. Queremos un dimensionamento axeitado, que non se deseñe baixo a máxima de aforrar diñeiro, senón de ter capacidade para xestionar tamén baixo as condicións adversas que se repiten cada pouco tempo.