3.3.09

Lectura do 112 sobre os resultados do 1M


Os resultados eleitorais deste 1 de marzo non deixan lugar para dúbidas a ningún sector social. Tampouco para os traballadores e traballadoras do 112. É doado coincidir coa lectura xeral que da vitoria do PP fan a maior parte dos comités de empresa do país: o bipartito perdeu o goberno non só pola campaña de desprestixio centrada nos temas de despilfarro e bicefalia. PSOE e BNG perderon o goberno porque perderon a base social que os levara adiante ao reproduciren hábitos vellos. 

En moitos casos, o bipartito non só non recuperou privatizacións nin apostou decididamente pola dignidade laboral no país, senón que avanzou na administración paralela coa creación de novos chiringuitos - sociedades de xestión desprovidas de funcionalidade real. Para o ámbito da xestión de emerxencias, é o caso da AXEGA. A lectura que desde o 112 podemos facer é que o PSOE se equivocou á hora de negar reiteradamente o dereito á estabilidade e á dignidade laboral. A súa teima mantívose mesmo na época de campaña, cando se negou a contestar a nosa solicitude dunha reunión que sí mantivemos con BNG e PP. 

O PP, de feito, mostrouse moi favorábel a esa subrogación que é o noso obxectivo desde hai xa dous anos. Que o PP mostre mais sensibilidade a este respeito que o PSOE é xa significativo do divorcio do goberno (agora en funcións) e dos traballadores. Agora é o momento de lembrarmos ao PP as súas propias palabras a favor da subrogación do persoal do 112, para terminarmos dunha vez con este conflito social.