O comité de empresa do 112 solicitou nesta última semana unha reunión cos candidatos ao parlamento dos tres partidos con maior representación. A nosa intención era coñecer a postura que cada un dos grupos mantería a respeito da situación laboral do 112, tanto no caso de que gobernase como no caso de que estivese na oposición.
Representación do 112 durante a conversa con membros do PP
Hoxe de mañá, as 11h00, mantivemos unha reunión con Beatriz Mato e Ruiz Rivas a respeito do noso conflito. Despois de explicármoslles a situación a día de hoxe e de reflectirmos sobre o colapso do 112 cada vez que hai unha emerxencia maior -caso dos últimos temporais, en xaneiro- o PP expresou a súa intención de solucionar o problema o antes posíbel no caso de asumiren o goberno.

Representación do Comité de Empresa conversa coa representante do BNG
Pola súa vez, a reunión co BNG produciuse ás 12h00. Alí puidemos explicar á candidata Ana Pontón a nosa situación polo miúdo, a todos os niveis, incidindo en que o conflito estaría resolto sempre que a administración facilitase a subrogación ou calquera fórmula xurídica que na práctica teña un significado idéntico. A postura do BNG, como se nos indicou, é que a administración debería ter un peso decisorio na xestión dos servizos básicos, e non deixar totalmente o seu funcionamento a empresas prestatarias privadas. Recordan, con todo, que a xestión do 112 corresponde á Consellaría da Presidencia e, polo tanto, ao PSOE; de modo que suxeriron que volvesemos contactar sobre o tema unha vez se coñezan os resultados eleitorais do 1 de marzo.
Isa Moares, presidenta do C.E. do 112, a solicitar a reunión con PSOE
Canto ao PSOE, a única comunicación que tivemos con eles foi telefónica, cando lles solicitamos a reunión co candidato á presidencia, Pérez Touriño, ou con algún outro candidato ao parlamento. A súa resposta foi que nos chamarían e, como é habitual neste grupo, aínda estamos a agardar.