Nestes días comezou xa a facerse pública a estrutura orgánica do novo goberno galego, e o persoal do 112 soubemos que estaremos encadrados de novo na Consellaría da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que dirixirá Alfonso Rueda. Tras coñecermos a nova, comunicámonos cos representantes do PP que nos recibiran antes das eleccións. Beatriz Mato, agora conselleira de Traballo, confirmou que manteñen as intencións que xa nos anunciaran na reunión preeleitoral, de modo que seguirán a apostar pola subrogación total do persoal do Centro de Atención de Emerxencias. Agardamos que a data para a próxima reunión de traballo sexa fixada a próxima semana, para poder terminar canto antes con esta situación cada día máis insostíbel.