1.2.09

Xunta reforzará 112 (?)



Presionada polos medios de comunicación e perante a vergoña do colapso do 112, que non quere recoñecer, a Xunta de Galiza anunciou, a través do presidente, Emilio Pérez Touriño, que se vai proceder a reforzar o servizo público de atención ás emerxencias (por certo, xusto despois de que Méndez Romeu dixese que todo funcionou satisfactoriamente). Sen embargo, non se precisou en momento  ningún como facelo. Ao noso ver, existen dúas posibilidades: 

[Preme en "Ler máis" para veres o resto da nova]


En primeiro lugar, dirán que se incorporou con carácter urxente máis persoal ao 112. Iso será unha mentira máis, porque o persoal que se incorpore, e que aínda comezará o seu período de formación este mes de febreiro, xa estaba contactado antes dos acontecementos do fin de semana do 25 de xaneiro. Isto quere dicir que ese reforzo non se corresponde coa problemática evidente de que no 112 non hai suficiente persoal, senón que é un reforzo dos que habitualmente se realizan para cubrir a marcha de persoal ou as baixas laborais, obrigando, ademais, a este persoal novo, a asumir quendas de traballo absolutamente desreguladas (back-ups) para cubrir as carencias puntuais - nunca as xerais. En conclusión, se este reforzo é como os anteriores, o 112 seguirá mal dimensionado e os colapsos seguirán a producirse e a ser resoltos por traballadoras e traballadores que farán traballo voluntario. 

A outra opción é faceren un plano ambicioso de entrada de profesionais formados correctamente -sen as presas que caracterizaron outras incorporacións-, e que este plano teña un impacto tamén na consolidación do persoal que está xa a prestar servizos. Dixémolo multitude de veces e seguimos a dicilo: sen unha estabilidade laboral mínima (ausencia de subrogación) e cos salarios ridículos (convenio de telemarketing, máis subas non consolidadas) que percibimos, só unha pequena parte do persoal pensa no 112 como un traballo de futuro, polo que, así as cousas, é imposíbel manter un plantel formado por profesionais con experiencia capaces de atender

Os traballadores e as traballadoras do 112 tememos que o anuncio da Xunta termine centrándose na primeira das opcións, que, como xa dixemos, non soluciona nada.