Entrevista a Óscar Valladares sobre a precariedade do 112
Radio Voz. 20.01.2009
-
Preme en "Ler mais" para veres o resto da nova,
coas ligazóns á prensa escrita e as declaracións da
administración sobre a próxima mellora do CAE112
-
Diversos medios de comunicación galegos quixeron escoitar a opinión dos traballadores e das traballadoras do CAE 112 Galiza a respecto da xestión que o propio centro, responsabilidade da AXEGA, realizou durante o fin de semana que durou a alerta meteorolóxica. Os datos e as interpretacións do acontecido por parte do persoal do servizo foron recollidas pola prensa escrita, tanto nas súas edicións en papel como nas edicións electrónicas (varios titulares en La Voz de Galicia, Vieiros, Galiciae, Diario de Ferrol, A Nosa Terra Diario, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, El Correo Gallego, e La Opinión), e pola prensa radiofónica (Radio Voz, Cadena Ser, Cadena Cope, Onda Cero ou Radio Galega). A información foi emitida incluso pola TVG, que até o momento nunca mostrara o conflito do 112 nin as súas consecuencias, e tamén por redes sociais e outros medios pouco habituais (Terra Actualidad, Noticias Ya.com, Yahoo Noticias, Gente Digital) y por medios estatais como El País.
Diante da repercusión que están a ter as consecuencias da xestión neglixente da AXEGA e a situación de precaridade laboral a que estamos sometidos o persoal do 112, Méndez Romeu apresurouse a dicir que a resposta do servizo público tiña sido "satisfactoria". A resposta foi tan ridícula que hoxe mesmo, o presidente Pérez Touriño tentou tranquilizar a poboación indicando que se aumentaría a capacidade operativa do 112.
O consello da Xunta quere mellorar o servizo de xestión de emerxencias
Porén, para que quere aumentar a capacidade se a resposta foi axeitada? O consello da Xunta acordou hai unhas horas reforzar o servizo, pero non se especifica o modo en que isto se fará, polo que as traballadoras e os traballadores do 112 tememos que isto non se vaia traducir nas melloras que levamos dous anos exixindo e que son tamén claves á hora de comprender cales foron os erros no 112 nese fin de semana: a non subrogación do persoal e os salarios ridículos fan con que o traballo sexa precario e dificultan o mantemento dun plantel con ampla experiencia, xa que o persoal do 112 ten que procurar outros traballos para gañar un salario digno; e, ademais, a total desregulación dos horarios de traballo e das gardas retribuídas provocan un cansazo adicional no persoal, que está menos áxil á hora de realizar o seu traballo. Trátase, pois, de exixencias que incumben aos operarios do 112, pero que tamén teñen consecuencias na calidade dun servizo que hoxe está totalmente en entredito.