10.2.09

112 protesta en Vigo

Compañeiras do 112 á entrada do acto da Fundación Barrié - Vigo - 10.02.09

Touriño e o seu séquito observaron o persoal do 112 á entrada do evento

Tal como se anunciara, o 112 non tivo outra alternativa que levar unha vez máis ás rúas a campaña de protesta contra as irresponsabilidades do presidente da Xunta, da Consellaría da Presidencia e da AXEGA. Por iso, hoxe estivemos en Vigo, no acto de presentación da denominada Cidade do Mar, facendo saber á cidadanía que Emilio Pérez Touriño se dedica principalmente a crear novos “chiringuitos” e a manter os herdados do goberno anterior que lle interesan. As medidas de seguranza impedíronnos estar presentes no acto, onde tíñamos pensado despregar unha faixa pacificamente; impedíronnos estar nas inmediacións do edificio e impedíronnos incluso entregar ao presidente un documento explicativo da nosa situación, onde ademais é explicado en que medida a Xunta é responsábel. De modo que tivemos que mudar a nosa estratexia de protesta pacífica e silenciosa polo berros, os golpes de bombo e a megafonía desde o outro lado da rúa de Policarpo Sanz, atravesando o ruído do tráfico e das obras que hai nese punto, e as portas da Fundación Barrié, que os organizadores teimaban en pechar para evitar molestias ao presidente. Foi en van. Dentro ouvíusenos ben. O que nós queremos é que, ademais, nos escoiten.