20.1.09

Subrogación no 112: dereitos e reveses

Reproducimos a continuación un interesante e completo artigo que nos aporta Héctor López de Castro, avogado do Gabinete Xurídico da CIG, sobre o dereito de subrogación. Esta é unha das nosas reivindicacións principais e parece que o último atranco para chegar a un acordo definitivo. Pretendemos clarexar dunha vez os motivos polos que o consideramos tan necesario e tamén deixar ben claro que este dereito non nos achega legalmente, en ningún caso, a ser funcionarios pola porta de atrás que semella ser o grande medo da Consellería.

[Preme en "Ler máis" para ler o artigo]



SUBROGACIÓN NO 112: dereitos e reveses

A normativa estatal sobre sucesión de empresas, nomeadamente o artigo 44 do Estatuto dos Traballadores (ET), ten por obxecto protexer os traballadores, en caso de mudanza de empresario, para garantir o mantemento dos seus dereitos. Porén, a xurisprudencia afirma que as normas relativas á subrogación non son aplicábeis nos casos de terminación dun contrato administrativo de xestión de servizos públicos.

Así, por sentenza do Tribunal Supremo do 10 de decembro de 1997 (ditada en unificación de doutrina) declarouse que, nos casos de sucesión de contratas, non existe transmisión de actividade dunha empresa a outra, senón finalización dunha contrata e comezo doutra nova. E isto a pesar de que materialmente sexan os mesmos servizos contratados.

A subrogación do art. 44 ET só se produce cando se transmiten ao novo concesionario os elementos patrimoniais necesarios para a continuidade da ex­plotación. En sentido contrario, non existe subrogación ope legis cando hai unha mera sucesión temporal de actividade sen entrega do mínimo soporte patrimonial necesario para a realización desta. É tamén o criterio do Tribunal de Xustiza da Unión Europea na sentenza do 11 de marzo de 1997 (Asunto Süzen/Zehnacker), nun caso relativo á sucesión de contratas de limpeza.

Descartada a subrogación por efecto directo da lei, que mecanismos existen para garantir a estabilidade dos cadros de persoal en caso de sucesión de contratas administrativas? Pois basicamente dous: o convenio colectivo e o prego de condicións.

No artigo 18 do convenio colectivo de Contact Centers, recóllese unha versión light do dereito á subrogación, aínda que sen designalo con este nome. Así, a nova contratista está obrigada á contratación do 90% dos traballadores da contratista anterior adscritos ao servizo, sempre que levasen prestando servizos durante máis de doce meses e baixo un baremo cos seguintes factores: os seguintes factores: 50% de tempo de prestación de servizos na campaña; 10% formación recibida durante a campaña e 40% selección. Obviamente, é un sistema pouco satisfactorio do punto de vista da estabilidade no emprego, na medida en que a nova empresa recebe un cadro de persoal cohesionado, con experiencia e formación para a prestación óptima do servizo, mais conserva unha ampla marxe de discrecionalidade para vetar aqueles traballadores que lle resulten menos desexábeis.

A alternativa realista e factíbel a esta situación sería que a Xunta de Galiza recollese, nos pregos de cláusulas administrativas que regulan a concesión do servizo público, a obriga da nova empresa adxudicataria de contratar o cadro de persoal que viña prestando o servizo. Máis que como un dereito subxectivo dos traballadores, esta subrogación configuraríase como unha carga contractual para a empresa, que estaría obrigada a aceptala como unha condición máis da contrata, de xeito que os traballadores pasarían da empresa saínte á entrante, converténdose en persoal fixo da contrata, en vez de persoal fixo dunha empresa determinada, como garantía da continuidade e profesionalidade do servizo de emerxencias.

En ningún caso pode interpretarse que a introdución de cláusulas deste tipo nos contratos administrativos supoña atribuír aos traballadores ningún dereito ou expectativa de acceder ao emprego na propia Administración. Antes ao contrario, o dereito á subrogación incoporaríase precisamente ao contrato administrativo que formaliza a externalización do servizo público, o que exclúe calquera confusión entre empregados públicos e privados. Ao teimar en impedir a subrogación, a Xunta de Galiza perde unha excelente oportunidade de demostrar o seu compromiso cos deeitos dos traballadores e a estabilidade no emprego. En definitiva, de converter as palabras en feitos.

Héctor López de Castro
Gabinete Xurídico da CIG