27.1.09

112 agarda resposta da AXEGA e da Consellaría


Seguimos agardando pola resposta da AXEGA e da Consellaría da Presidencia a respeito do informe favorábel á subrogación emitido pola empresa concesionaria MkPlan21. Despois de diversas negativas a reunírense connosco e de varios adiamentos, a administración demostra unha vez máis o seu interese nulo en resolver o conflito. De novo, incumpren a palabra dada cando indicaron que responderían a exixencia de subrogación a mediados de xaneiro. Xa a finais de mes, o único que temos é a calada por resposta, a pesar de que deles depende a resolución deste conflito. Isto é así porque a empresa, coa que xa alcanzamos principios de acordo en varios puntos, se nega a asinar calquera cousa se antes non se soluciona ese tema concreto. Tristemente, a estratexia da AXEGA e da Consellaría de manteren silencio parece máis propia de cativos do que de persoas adultas con responsabilidades políticas. Así as cousas, non nos queda máis alternativa que insistirmos e mantermos as mobilizacións.