
Unha delegación do persoal do 112 concentrámonos onte de mañá diante do Parlamento galego, como recollen as edicións dixitais de La Voz de Galicia e de Galicia Hoxe. Esta concentración responde á necesidade de facermos que os nosos políticos comecen a dar respostas ás nosas demandas. Porén, parece que o xerente da AXEGA Francisco Echevarría e mais o conselleiro da Presidencia Méndez Romeu ficaron mudos, por máis motivos que lles poñamos enriba da mesa.
[Preme en "Ler máis" para veres o resto da entrada]
Na última reunión coa empresa, responsábeis de MkPlan 21 xa nos indicaran que tanto a consellaría como a axencia lles tiñan encargado un informe sobre a situación doutros centros onde esta empresa ten a contrata e onde se recolle a subrogación dos traballadores. E cónstanos que ese informe se expresou en termos positivos sobre a concesión da subrogación do 100% do persoal para o CAE 112 Galiza - tal como, por outra banda, teríamos feito nós no caso de nos teren preguntado.
Co informe rematado e entregado a comezos de novembro, seguimos á espera dun pronunciamento da parte dos responsábeis políticos deste servizo público. É por iso que comezamos esta nova campaña de persecución do xefe do executivo galego, e tamén é por iso que temos xa preparado novo material onde Francisco Echevarría, Esther G. Saavedra, Xosé Luís M. Romeu e Emilio P. Touriño aparecen ben visíbeis a carón das responsabilidades que teñen neste conflito social. Coa campaña eleitoral en perspectiva, nalgún momento terán que falar.