21.11.08

Protestas do 112 na inauguración da A-59. Touriño responsábel

Momento en que as profesionais do 112 son afastadas da cerimonia pola Policia Nacional

Seguindo coas concentracións en actos do presidente da Xunta para chamar a atención sobre a situación de precariedade que o goberno galego está a manter no 112, concentrámonos hoxe na cerimonia de inauguración da autovía AG-59, entre Santiago e A Ramallosa (Teo). Por suposto, non queren escoitar o que temos que dicir, como proba o feito de que aínda non responderon aos numerosos requerimentos que lles temos feito. Por iso nos botaron fora da zona de seguranza, mesmo antes de termos feito calquera cousa.

[Preme en "Ler máis" para veres o resto da nova]


Traballadoras do 112 vixiadas por varios axentes da Policía Nacional

Alí despregamos de novo unha faixa na que podía lerse "112 Solución", e non quedou máis remedio que berrar para que o presidente e os demais asistentes escoitaran o que non queren nen oír: que o centro en que se xestionan todas as emerxencias do país podería quedar sen os profesionais que o forman (pola falla de subrogación) e que, na altura, estes profesionais non teñen recoñecido o seu traballo coas condicións laborais e sociais minimamente exixíbeis.

Canto máis lonxe, máis ruído

Pero non éramos os únicos profesionais a exixir solucións aos problemas que este goberno ten creado ou mantén artificialmente. Alí estaban compañeiros e compañeiras das fundacións comarcais, afectados por unha recente modificación lexislativa, cos que intercambiamos apoios e a decepción por un goberno que dicía defender os intereses dos traballadores.