23.11.08

Profesionais seguen á marxe do futuro centro

Méndez Romeu teima en levar os asuntos do 112 de costas aos profesionais do centro

Segue adiante a idea que situar o novo Centro de Atención ás Emerxencias no polígono de San Martiño II, en Sigüeiro, deixando á marxe a opinión dos traballadores e das traballadoras. Como sempre. Segundo La Voz de Galicia, o alcalde de Oroso xa tería agradecido á Consellaría da Presidencia o deslocamento do CAE112 a esta localidade porque, segundo el considera, levará ao concello numerosos postos de traballo. Supoñemos que esa é a promesa do conselleiro Méndez Romeu para lograr unha cesión dos terreos, sempre coa idea de reducir custos. Sen embargo, no último comunicado da Xunta, indícase que se fixo "un grande esforzo na contratación" e insinúase que o CAE112 dispón de todo o persoal necesario. Entón, como vai ofrecer novos postos de traballo en Oroso? Será que pretende o señor conselleiro un despedimento masivo dos profesionais que xa fan parte do servizo para introducir novos traballadores non cualificados e cumprir así as promesas feitas ao alcalde Manuel Mirás? É evidente que, mentres non consigamos a subrogación total, é unha posibilidade.